Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Henrique del Bosque

Traducir libros de texto

17:01 11/03/2010

Leo, con certo pasmo, que unha asociación de defensa da españolidade vainos agasallar con traducións dos libros de texto para que a comunidade educativa dispoñamos de material na lingua cervantina independentemente de que a asignatura se imparta na nosa língua. Vistos os delirios que adoitan ter non debería ser motivo de atención, porén é inevitábel bosquexar un cativo e malicioso sorriso.

Resulta que na Lei de Propiedade Intelectual considérase que a transformación dunha obra comprende, entre outras, a tradución da mesma. Isto significa, nos termos da propia Lei, que o autor da obra traducida e a editorial titular dos dereitos de edición deben autorizar a súa reprodución, distribución ou comunicación pública xa que a tradución significa unha intervención sobre a mesma.

Non discuto que poidan acadar este consentimento expreso ou que traduzan libremente manuais libres de copyright. Mais como esta xente é quen de sacar o peor de calqueira devecería para que se enlamasen nunha morea de demandas por parte de autores, editoriais e libreiros e que a ameaza do Código Penal que nos amosan diante sempre que comezamos a ver unha película lles estoupe con estrondo.

Non defendo o actual modelo de propiedade intelectual que a OMC quere impór para favorecer un novo xeito de apropiación e expoliación, por parte das multinacionais, fronte a un saber e uso baseado no aproveitamento común. De feito situacións como as patentes de sementes, de procesos curativos, de saberes ancestrais son verdadeiros atentados á dignidade humana.

Mais un tamén  é humano e gosta que os ruíns, ás veces teñan o seu merecido. Costa asimilar que un ambulante teña que saír escorrentado ao ver algo semellante a un uniforme e que algúns señoritos/as se gaben de que son máis misioneiros que algunhas ongs. Coma están por riba de todo e de todos pensan que se pode agredir constantemente á identidade dun pobo e que aínda se lles deben dar mercés pola aportación feita.

Seica, na chacota na que están metidos, compriría un tradutor da profesionalidade de Roberto Varela que saiba achar expresións graciosas e elegantes á xerga do noso pobo.

Neste capítulo da farsa por entregas, coa que arestora nos sorprenden, animo a ter un tratamento equitativo e de reciprocidade facendo un chamado para que sectores comprometidos coa nosa cultura denuncien e acusen aos que se pasan a vida denunciando e acusando.  

5/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



henrique del bosque

Henrique Xesús del Bosque Zapata naceu en Ourense en 1959. Profesor de ensino secundario, tamén é licenciado en Dereito. É autor de “Lexislación para o profesorado. Toda a normativa do sistema educativo galego non universitario” Edicións Xerais.  “Guía dos dereitos do profesorado” CIG-Ensino. Cadernos de lexislación. »



Anteriores...