Os galegos aturamos ben os xefes; aquelas persoas encargadas de tomar as decisións en nome de todos: e a proba témola en que mandar, o que se di mandar, aquí mandan os de sempre. Porque se hai algo que produza desacougo nun galego é que veña mandar outro cando non hai necesidade. E iso foi o que sucedeu hai pouco máis dun ano, cando os galegos acordaron restablecer a orde natural das cousas e devolverlle a xefatura a Feijóo, sucesor do vello xefe.
Pouco importa que despois de tantos anos de goberno Popular, Galicia ocupe o posto catorce entre as comunidades na relación de PIB por habitante, avantaxada por lugares como Castela e León, Asturias ou Cantabria. Pouco importa que teñamos menos industria que hai trinta anos. Pouco importa que os políticos da queimada e a carne ao caldeiro non soubesen deter o éxodo rural, favorecendo a vida digna de agricultores e gandeiros. Pouco importa que as vacas non produzan nin sequera o que comen. Pouco importa que a pesca artesanal malviva a piques de botar o pecho afagada polos custos. Pouco importa tanta desgraza, porque os galegos decidiron confiar de novo nos mediocres xestores que nin antes nin agora souberon sacarnos do atraso económico; atraso que, despois de tantos anos, acabamos confundindo coa normalidade.
Non hai máis que ver as primeiras decisións adoptadas polo novo xefe para ter a medida da súa incapacidade: a primeira delas foi derrogar o concurso eólico, paralizando os investimentos das empresas temerosas da inseguridade xurídica. Agora o Xefe fala de crear os cinco mil postos de traballo – non se sabe cando – que podían estar creados hai tempo. E teño paran min que tanto retraso en plena crise ten pouco que ver coa legalidade do proceso e máis co medo a que agrome en Galicia unha elite económica non afecta ao Partido Popular ou, falando ás claras, empresarios que non teñan nada que agradecerlles.
A seguinte medida do Xefe consistiu en lexislar en contra da ditadura do galego. Agora os galegos somos máis libres sacando da escola esta lingua estraña, que impuxeron os avós.
A terceira medida foi a atrapallada posta en escena da fusión das caixas, cando todos sabemos que un proceso tan importante e necesario coma este precisa de máis cociña e menos micrófonos. O problema de falar antes de tempo é que un acaba escravizado polas súas palabras, e se non que llo pregunten ao Xefe, a Gayoso, a Méndez, a Losada, a Caballero…
E a cuarta medida… pois mire; un ano despois aínda estamos a agardar por ela.
Esta é a Galicia feliz dos nosos xefes. E daquela, por que non procuramos outros se os actuais teñen amosado a súa incapacidade? Pois quizais porque a razón principal de tanta desidia cumpre buscala no carácter compracente dos galegos. E non digo que en Galicia falte quen queira mandar. Aquí hainos como en todas partes. Pero son poucos, porque os galegos non temos costume de andar gobernando en casa allea e cando alguén manifesta tal inclinación procuramos darlle polo pau. Mesmo se atrás ven outro con ganas de disputarlle o posto é difícil que llo permitamos. E senón, que tivese chegado antes.
Xabier Iglesias naceu no barrio de Monte Alto, na Coruña. É licenciado en Económicas e traballa no eido da formación corporativa. Ten publicado as novelas "O soño do falcón" (2003) e "Daniel e a porta do ceo" (2008). »