Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel González López

A bolsa e a racionalidade dos mercados

10:14 14/05/2010

Cando nas aulas de Economía nos explicaban aquelo da competencia perfecta dos mercados era usual indicar que na realidade os mercados son imperfectos e só un, o mercado de valores, se aproxima a ese suposto ideal. Isto é así porque a competencia perfecta acádase cando existe un número elevado de oferentes e demandantes, cando os custes de transacción son mínimos e cando a información dos participantes é perfecta (ou moi elevada). Dese xeito acadaríanse resultados óptimos que incrementarían o benestar tanto a nivel individual como social. O que vén acontecendo nas últimas semanas nas bolsas mundiais parece poñer en cuestión este razoamento.

Un dos supostos nos que sustenta a economía neoclásica é a racionalidade coa que se supón que actúan os axentes nos mercados. A racionalidade implica, entre outras cousas, actuar maximizando sempre o beneficio persoal e reducindo os custes. As decisións tomadas desa maneira son as mellores posíbeis pois ninguén toma decisións que vaian contra o seu benestar. Porén, moi pronto os propios modelos neoclásicos comezaron a "relaxar" os supostos de partida introducindo, entre outras, a hipótese da información imperfecta. Isto é, as nosas decisións podían non ser as "mellores" pois son tomadas segundo a información dispoñíbel, que é necesariamente limitada. Dese xeito comezouse a falar da racionalidade limitada; pero aínda así non se poñía en cuestión que canta menor sexa a intervención nos mercados mellores resultados se acadarán.

Ninguén pode negar que os axentes económicos actuamos case sempre segundo nos parece o máis adecuado, porén iso non implica nin que o resultado das nosas accións sexa o mellor para nós a nivel individual nin tampouco a nivel colectivo. Se hai algo que caracteriza ao comportamento humano é a acción imitadora, o que algúns autores teñen sinalado como comportamento "en manada". O noso comportamento vén marcado non só por unha información que é necesariamente limitada e sustentada na experiencia, senón pola actuación do resto dos axentes. O resultado deste comportamento é dificilmente previsíbel e non ten porque levarnos a situacións eficientes. Máis o contrario, en momentos de incerteza podemos chegar a reaccionar como os ñus no río, afogándonos uns aos outros.

Porén non só en momentos de incerteza, tamén cando non é así o noso comportamento está rexido por normas escritas ou non escritas que lle infiren carácter social, non unicamente individual, a nosa acción. Non en vano se sostén que as institucións (esas normas escritas e non escritas) son fundamentais para que a economía de mercado funcione. Mais a evidencia recente indícanos que esas institucións e normas deben ir máis alá que a vixilancia da propiedade privada e da liberdade contractual, como sosteñen os pensadores Neoliberais. Deben proporcionar a confianza necesaria para que os resultados das interaccións sociais non sexan perniciosos nin a nivel individual nin colectivo. Coidamos que esa é unha das grandes leccións que temos que aprender da crise que nos azouta. Regular os mercados e fortalecer as institucións que nos protexen ante situacións de crise e que nos posibilitan exercer as nosas liberdades é algo necesario para a prosperidade social. Iso é o racional.

4,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel González

Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. »



Anteriores...