O Presidente do Governo Galego ven de afirmar que a nova caixa galega é “unha vitoria sobre a Galiza do pasado”. Non é inapropriado calificar a fusión de vitoria, vistos os condicionamentos impostos polo Governo estatal e o Banco de España e a morea de despropósitos previos, desde querer integrar a Caixa Galicia na doente Caja Madrid a pretender a participación de Caixanova nun remexido peninsular con cabeza no Manzanares. Mais Alberto Núñez Feijóo tería que esclarecer o que é para el significa a Galiza do pasado, por que todo semella que o atribuido ao noso país é o retrato ideolóxico da España que se resiste a desaparecer.
Se se refere aos localismos provinciais, tan aducidos con simpleza inaudita polos que pontifican acerca da esencia particularista do carácter galaico, non debería descoñecer que a criazón das provincias en 1833 foi obra da monarquía Borbon, previa destrución da Xunta do Reino de Galiza que ainda con competencias mui reducidas refletía a unidade do pais. As provincias foron estabelecidas para dividilo, obrigándoas a unha relación directa con Madrid, tendo Lugo a mesma relación con A Coruña que a que pudera manter con Almería, e Pontevedra con Ourense como con Burgos. O Presidente do Governo Galego non pode descoñecer que o Partido Popular é agora mesmo o principal defensor da permanencia dese arcaismo decimonónico, mesmo en rivalidade co Estado das autonomías. Para explicar a desentendimento entre A Coruña e Vigo é bó lembrar que a unión por ferrocarril das dúas cidades non se producíu máis que na década dos cuarenta do século pasado, sesenta anos depois de seren atadas a Madrid, e que a liña Ourense-Santiago tardou ainda até final da década dos cincuenta, cando xa nacía a Comunidade Europea, en termos históricos onte.
Se coa expresión utilizada quer denotar ao país dos caciques engordando o que forma parte do arsenal tópico sobre Galiza, ten que saber que o sistema que propiciou esa figura foi a monarquía liberal-caciquil, na que todo dependía da decisión do monarca que nomeaba libremente ao Presidente de Governo de turno, respónsábel de organizar as correspondentes eleicións fraudulentas, beneficiando na ocupación das cadeiras parlamentares aos prohomes que en cada momento contaban co favor do Poder´. Manténdose durante case un século, tal entramado non pudo ser superado definitivamente coa Segunda República por causa do levantamento militar, sendo espantosamente agravado coa Guerra Civil e a Ditadura. Non pode, en todo o caso, atribuir todo iso ao que alcuña como a Galiza do pasado sen asumir que a súa formación política, governando durante a maior parte do tempo desde a apertura do Parlamento de Galiza en 1981, apañou todo o poder institucional necesario para estabelecer unha nova estrutura territorial e para erradicar os comportamentos que perduraban após tan turbulento pasado.
De non tivermos a experiencia das achacías que definiron até hoxe a acción do Governo do Partido Popular, bastaría coas declaracións feitas polo seu Presidente a propósito da fusión das caixas para deducir que a visión de Galiza que ten en mentes non é allea á conceición nen compreensiva nen pacífica do Estado español como nación única, a da España do pasado que tan negativamente o inspira.
Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.