Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Quitémoslles a carauta!

13:01 31/05/2010

Un volcán durmido, iso parecía ao longo dos últimos trinta anos, anda a cuspir moreas de lava mentireira que anubran a paisaxe do noso país. De novo os nugalláns da verba espuria, de uso arteiro e traizoeiro, queren envelenalo todo cun manto uniformizador e gris. Teñen como obxectivo fundamental, antes con certo disimulo, agora con toda a fachenda, denigrar a nosa lingua. Fan da ignorancia un xeito de vida e gábanse de non saber e non querer aprender o galego.

Ata tal punto chegou a súa orxía trapalleira que o mesmo señor Feijoo viuse empurrado a matizar tanto despropósito. Nunha ocasión atopouse cunha persoa, empeñada en inventar pantasmas come-nenos-e-nenas castelán falantes, que insistía en que “castrapeiro” é un termo despectivo cara ás xentes que se expresan na lingua de Cervantes. Como se durante toda a vida as persoas que falaban galego ridiculizaran e discriminaran ao avogado da Coruña, o médico de Santiago, o militar de Ferrol ou Pontevedra, ou ao madrileño que empregaba a súa lingua, chamándolles “castrapeiros” cun ton pexorativo. Preso da súa mentira, o señor Feijoo tampouco puido, nin quixo, desvelar a verdade. Limitouse a comentar que: “Castrapeiro dícese del que habla mal una lengua”.

Canta fineza para ocultar tanto desprezo! É de supoñer que a máis dunha persoa lle virían as bágoas aos ollos lembrando as humillacións sufridas por non falar na lingua do imperio coa dicción debida. Pero ao señor Feijoo, e á caste de vergalláns que lle fan os coros na cuestión da lingua, iso nos os conmove. Moito aramio e pouco corazón.

O sarcasmo que coroaba este sainete era esperpéntico. Quen con tan pouco rubor estaba a deturpar a realidade de xeito tan mesquiño pretendía con ese comentario atacar ao brazo executor da política lingüística do actual goberno galego, o señor Anxo Lorenzo. Nesta parodia inmisericorde que deosta día a día a nosa lingua participan distintos actores de procedencia ben diversa. Pero todos a unha pivotan en torno a un obxectivo común: xustificar e levar á práctica unha política regresiva como nunca se fixera ata o de agora co noso idioma.

Que xentes alleas aos intereses do noso país participen desta farsa ten sentido. Canto menos valoremos o noso, menos caso nos farán e menos contaremos no taboleiro político, económico, social e cultural do noso contorno. Nos anos 80 ben caro o pagamos. Agora ben: que os nosos actuais gobernantes se deixen enlear por unha actitude intolerante e intransixente dunha minoría moi determinada non ten sentido ningún. É dunha miopía política de grande calado que só a soberbia do vencedor pode ocultar. Pero o tempo ha desvelar a verdade. O tempo… e a nosa reacción cívica. A de todas as persoas, da ideoloxía que sexa, que consideremos unha aldraxe o ataque que está a sufrir o noso principal sinal de identidade. Tal e como nos anos da transición reaccionamos cando nos quixeron reducir a unha autonomía de terceira división, tamén agora debemos facer valer o propio cunha defensa clara do noso principal sinal de identidade: a lingua de todos e todas nós. Fagámola valer día a día co seu uso espontáneo e cotián. Fagamos tamén dos nosos centros de ensino o seu principal foco de difusión entre a nosa mocidade; o noso futuro, o da nosa lingua.

5/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...