Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

O camiño de Quito

17:00 09/06/2010

A xira a Colombia e Ecuador realizada pola secretaria de Estado Hillary Clinton aborda a necesidade de Washington de concretar un marco de actuación moito máis amplo na rexión andina, toda vez está por concretarse unha nova presidencia en Bogotá, moi probablemente en mans do ex ministro de Defensa e candidato do “uribismo”, Juan Manuel Santos.

Neste contexto, o actor clave para a diplomacia estadounidense segue a ser Colombia, pero o interese de Washington comeza a enfocarse cara Ecuador. Hillary reuniuse en Bogotá co presidente Álvaro Uribe Vélez e cos candidatos que disputarán a presidencia na segunda volta prevista para o próximo 20 de xuño, sendo estes o mencionado Santos e o progresista Antanas Mockus. Os obxectivos de Washington están claramente deseñados en asegurar o establecemento das sete bases militares estadounidenses en territorio colombiano, así como a ampliación andina do Plan Colombia e do tratado de libre comercio.

Pero o punto de creba da xeopolítica rexional pode estar en Ecuador. Neste primeiro semestre de 2010, Ecuador ven equilibrando as súas relacións exteriores coa veciña Colombia e con EEUU, os dous países con que maiores friccións ven presentando nos últimos tempos. En Quito, Hillary e o presidente Rafael Correa falaron do tratado de libre comercio na rexión andina, da actual presidencia ecuatoriana dentro da Unión de Nacións do Sur (UNASUR) e doutros asuntos bilaterais, en particular en materia enerxética, e que involucraría a multinacionais estadounidenses en Ecuador, cuxos intereses poderían verse afectados pola normativa constitucional ecuatoriana en materia de protección ambiental.

Pero a normalización das relacións entre Ecuador, Colombia e EEUU apunta directamente a Correa nunha dirección diametralmente inversa á mantida desde que chegou á presidencia en 2007, e explicada polo achegamento ecuatoriano ao eixe da ALBA e a empatía política e ideolóxica de Correa co presidente venezolano Hugo Chávez.

En presenza de Correa, Hillary falou en Quito dunha “nova diplomacia” rexional que pode revelar unha apertura de intereses orientados a amortecer calquera tentativa de expansión da ALBA. Tanto Correa como a UNASUR condenaron reiteradamente a instalacións de bases militares estadounidenses en Colombia así como da expansión andina do Plan Colombia e da estratexia antidrogas deseñada por EEUU. Paralelamente, as relacións entre ambos países se complicaron coa expulsión en febreiro de 2009 de dous funcionarios diplomáticos estadounidenses acusados por Correa de presunta inherencia nos asuntos internos.

Velaí a necesidade de Washington por integrar a Correa nun novo marco de relacións con Bogotá e Washington, medido igualmente dentro do novo ciclo electoral en América do Sur que durará ata 2012, e que inclúe a países estratéxicos como Brasil, Perú, Arxentina e Venezuela. Coa alianza asegurada de Colombia, Washington tenta agora seducir a Ecuador nunha “nova diplomacia” orientada a minar a capacidade de expansión da ALBA e de influencia de Chávez.

3,4/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...