Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

A manifestación de Cataluña

09:47 13/07/2010

A manifestación no Passeig de Gràcia e na Gran Via de les Corts Catalans deste día tivo a dimensión da celebrada en Barcelona en 1977. Daquela reinvidicábase a democracia e o Estatuto de Autonomía, lembrando o conseguido na Segunda República polo esforzo histórico do nacionalismo catalán e respondendo ás aspiracións do momento. Foi tamén no ano 1977 cando hoube en Galiza as grandes manifestacións que demandaban o recoñecimento do Estatuto de Autonomía, de acordo co aprobado en 1936 co impulso do Partido Galeguista e o apoio dos partidos do Frente Popular. A diferenza do sucedido en Catalunya e Euskadi, para nós dispor dun Estatuto de contido competencial e institucional reservado ás nacionalidades Galiza ainda foron precisas as masivas manifestacións de 1979.

Froito do compromiso necesario para superar a Ditadura e grazas á acción dos movimentos nacionais periféricos, beneficiándose todos os povos do Estado, a Constituición de 1978 recollería por vez primeira na historia do Estado español a idea da diversidade nacional e cultural. Porén, no texto apareceu asemade a consideración contraditoria, formulada en termos especialmente impositivos, de España como nación exclusiva e dun povo español entendido como o conxunto dos cidadáns e único depositario da soberanía.

Pasados trinta anos, cando desde Cataluña, Euskadi e Galiza se pretende alargar o campo de convivencia no horizonte dun Estado plurinacional, a decisión do Tribunal Constitucional, respondendo ao recurso do PP contra o Estatuto de Cataluña, interpreta o texto de 1978 no sentido máis desfavorábel para a diversidade nacional. Negando ademais o valor constituinte do compromiso entre o Parlamento de Catalunya e as proprias Cortes do Estado ratificado en referendo polo povo catalán, o Tribunal aplica a Constituición no sentido máis antidemocrático do artigo 2 querido na Transición polos poderes do rexime anterior que pervivían.

As decisións tomadas polas intituicións estatais e catalás e polo povo de Cataluña posibilitaban un fallo do Tribunal Constitucional que rexeitase o recurso apresentado polo PP ou interpretase a Constituición en favor da necesaria convivencia na diversidade presente igualmente no texto de 1978. Así se fixo por todos os poderes do Estado, introducindo neste caso unha inovación radical, no ingreso do Estado español na Unión Europea. A integración na Comunidade deu lugar á transferencia de competencias de soberanía de alcance mui superior ás demandadas no Estatuto de Cataluña. Non só as referidas ao poder xudicial tan negadas agora á nación catalá, sendo o Tribunal de Xustiza da UE a última instancia xurisdicional para o Estado español nas competencias proprias da Unión; tamén en materias tan transcendentais como a moeda, o control das fronteiras, o poder lexislativo -atribuido en grande medida ao Parlamento Europeu e ao Consello Europeu, impóndose as súas determinacións normativas ás das Cortes do Estado español- e en muitas outras, incluidas xa ou potencialmente competencias tocantes ao exército e ás relacións internacionais.

Estiven este sábado en Barcelona en representación de Alianza Libre Europea, o partido que reune na UE a organizacións das nacións sen Estado europeas (Escocia, Gales, Flandes, Cataluña, Euskadi, Galiza, co BNG, e outras), acompañando aos dirixentes de Esquerra Repúblicana e a carón dos de Convergencia i Unió, Partido Socialista de Catalunya e Iniciativa per Catalunya. Encabezada por todos os presidentes e expresidentes da Generalitat e do Parlament, dominando nela unha pacífica e plural posición a prol da  soberanía a manifestación mostrou até que ponto as aspiracións nacionais de Cataluña precisan dun marco constitucional de convivencia mui diferente do derivado da conceición do Estado español como nación única.

Depois de que o Estatuto Político da Comunidade Autónoma de Euskadi fora negado no Congreso dos Deputados e o Estatuto de Nación de Galiza non conseguir ainda o apoio necesario, non resulta unha surpresa que, este nunha fase máis avanzada, o novo Estatuto catalán recebera a irresponsábel resposta do Tribunal Constitucional: indicando o camiño a seguir neses textos está a idea do Estado plurinacional superador do poder centralizador e uniformizador herdado dunha historia que nos nega. Neste sentido, se a acción democrática histórica dos movimentos nacionais dos tres paises foi un elemento decisivo no estabelecimento do Estado das Autonomías o recoñecimento da diversidade nacional favorecerá a liberdade e a xusta convivencia entre todos.

(Coda. Será preciso reflexionar sobre as consecuencias últimas do razoamento da sentencia do Tribunal Constitucional cando afirma que sendo lexítimo definir a Cataluña como nación cultural, histórica e linguística, a única nación xurídica recoñecida pola Constituición é a española. Reducir España a unha nación xurídico-institucional como forma de negar un poder institucional partillado con Cataluña, Euskadi e Galiza supón reducila á condición de Estado. Abandonan de facto a pretensión dunha España que, como poder, cultura e territorio, fora para eles nación desde case sempre?). 

5/5 (33 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións