Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

A experiencia e o cambio

17:34 10/01/2008

George Bush está en Oriente Medio. Procura a última hora un arranxo que garanta a hexemonía de Israel e consolide as fronteiras de guerra en favor do Estado xudeu. Quere estabelecer un Estado vasalo e reducido para os palestinos que viven colonizados e suportan un apartheid na súa propria terra, despois de padeceren sofrementos sen fin e o exilio forzado de millóns de persoas.

O presidente dos EEUU achégase a Israel cando seguen sumándose mortos aos centos de miles habidos en Iraque desde a guerra e a invasión dos EEUU. Tamén en Afganistán, en Darfur, no Congo e en tantos sitios.

Viaxa un presidente conservador que obstaculiza todas as medidas destinadas a solucionar ou aliviar a fame e a pobreza no mundo, que non aceita programas para evitar a deterioro ambiental do planeta, que ainda pensa que pode dominar a poder da agresividade militarista.

Entretanto, sendo todo isto furtado comezaron as eleicións para elexir os candidatos dos partidos demócrata e republicano á presidencia dos EEUU.

No arranque das primarias nos Estados federados a cuestión apresentada como crucial polos medios de comunicación máis poderosos foi a de determinar se para os electores o máis importante é o cambio ou a experiencia. Convidáronos a decidiren entre o cambio de Barack Obama e a experiencia de Hillary Clinton, os dous pretendentes do partido demócrata. Para os candidatos republicanos ese dilema era, seica, irrelevante.

Campo de xogo marcado
A pesar de estaren no corazón dos problemas dos EEUU, no debate non apareceron as catástrofes que provocaron Bush e os fanáticos neoconservadores que o inspiraron e secundaron. Mesmo aquí, en Galiza e no Estado español boa parte dos medios de comunicación e da xente aceitaron o campo de xogo marcado, tomando partido por Obama ou por Clinton .

Non é inocente que iso pase. Os republicanos saben que despois dos desastres causados polo Governo Federal estadounidense durante a presidencia de George Bush, a próxima presidencia dos EEUU pertencerá mui probabelmente aos demócratas e que para impedir que isto ocorra, o candidato a bater é Hillary Clinton.

Con independencia da simpatía relativa que poda suscitar Barack Obama, este non ten hoxe a forza necesaria para conseguir a presidencia frente aos poderes conservadores.

A redución das opcións á termos política e programaticamente tan equívocos e insubstanciais como a experiencia e o cambio é utilizada para agachar os problemas reais, tanto os exteriores como os internos de desigualdade e marxinación que afectan aos EEUU.
Sen necesidade de razoar en función das teorías da conspiración e tal como se desenvolveron os debates de Iowa e New Hampshire, a mistificación estabelecida persegue a eleición como candidato demócrata ao máis fácilmente derrotábel.

Medios de comunicación

En todo o caso, quen teña seguido os debates habidos en Iowa e New Hampshire pudo observar a preferencia por Barack Obama dos medios de comunicación norteamericanos, especialmente a televisión, de Fox News á CNN, así como a ironía ou a descualificación con que trataban a Hillary Clinton.

Despois da vitoria de Obama en Iowa, malia que nese momento as sondaxes a daban como vencedora no conxunto dos EEUU os medios conservadores especularon coa retirada de Clinton se perdía en New Hampshire. Intoxicaron mesmo coa idea de que os doantes de fundos para a súa campaña poderían retirarlle o apoio.

Sen romper a cabeza e sen máis comentarios daban ao mesmo tempo a noticia de que o gañador nas primarias republicanas de New Hampshire sería John McCain, o maior entre os que se apresentaban polo seu partido. Este afirmaba que el era o mellor candidato para derrotar, precisamente, a Barack Obama.

De cómo os medios galegos ou españois compartillaron ou recolleron acriticamente esas lideiras interesadas, constituen un bo exemplo titulares do día seguinte da última eleición, cando xa de madrugada Hillary Clinton triunfara entre os demócratas. Líase: “New Hampshire catapulta a Barack Obama hacia la presidencia”; “El ímpetu de Obama moviliza al electorado estadounidense”, que se sitúa “cada vez más cerca de ser el candidato demócrata para la Casa Blanca”.

O apoio por parte dos poderes e os medios conservadores aos candidatos mais fácilmente vencíbeis entre os da oposición democrática tamén sucede en Europa. Ocorreu en Franza. Aquí mesmo.

4,54/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións