Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Dous mil anos de maiorías absolutas

Lugo: Falando do rei de Roma ...

Lugo, cidade -como mínimo- bimilenaria, está afeita dende anos ha aos imperios. 'Lucus', o bosque sagrado de Lugh, habitado por celtas, pasou a ser 'Lucus Augusti' cos romanos. Ben Lugh, ben o césar Augusto, poderíanse considerar os primeiros emperadores lucenses.

Fernando Arrizado - 10:00 16/05/2007
Algún tempo máis tarde, no ano 1983, comeza un novo reinado; Francisco Cacharro Pardo, á fronte da Deputación provincial, guiará durante máis de vinte anos os designios do pobo lucense. Para este fin contará con diferentes 'cónsules'. Así, entre os anos 1983 e 1991, Vicente Quiroga, baixo o pendón de Alianza Popular primeiro, e como solista independente (co apoio de Coalición Galega e PSOE) despois, será o elixido.

Entre 1991 e 1999, é a quenda de Tomás Notario Vacas, no primeiro cuadrienio, e de Xaquín García Díez, no segundo. Este último sería defenestrado polo rei Paco, en previsión dun "ti tamén, meu fillo". Sería este o comezo da fin do 'Lucus Cacharri' e o nacemento dunha nova era.

As municipais de 1999 supuxeron en Lugo un cambio de réxime. Os imperios e as monarquías daban paso á república do 'filósofo sofista' Xosé Clemente López Orozco, quen accedía ao poder municipal aproveitando a decadencia popular, co apoio dos 'patricios' nacionalistas do BNG.

Do 'profesor' Orozco ao 'papa' Clemente

Serían catro anos de goberno progresista senatorial. Mais en 2003, Lugo viviu un suceso nacionalmente coñecido como fagotización, que provocaría un feito clave na Historia da cidade: a conversión do 'profesor Orozco' no 'papa Clemente'.

E chegamos a 2007. Tras catro anos de 'clementismo', o rodillo da maioría absoluta non pesou na consciencia do pobo de estar gobernado pola cara máis amábel de toda Galiza, con índices de popularidade mesmo maiores ca os doutro alcalde 'episcopaliano', o legado coruñés no Vaticano, Paco Vázquez.

Todo indica que o 'papado' de Clemente vai seguir, cando menos, outros catro anos máis con maior apoio. Nas súas 'homilías' congrega miles de fieis -máis do que conseguiran nunca os gobernantes do Antigo Réxime- que literalmente lle bican as mans, e é o elixido por Pepe Blanco -o ente espiritual co que se comunica constantemente- para debater con Quintana e Feijoo na Galega.

División no PPdeG e derrotismo no Bloque

Se acaso, está por ver quen vai perder máis desta volta. O BNG de Xosé Anxo Lage chega derrotado ás municipais: actualmente ten tres concelleiros e, máis ou menos publicamente, manifesta que o seu obxectivo é acadar un máis (en 1999 tiña seis), malia despregar unha importante campaña de publicidade e papelaría propagandística.

Pola súa banda o PPdeG de García Díez, que recunca tras pór como condición a eliminación do seu mentor e asasino político, Francisco Cacharro, opta por aquilo de que "calquera tempo pasado foi mellor". Porén, son eses mesmos tempos pasados a súa principal eiva. A división interna en Lugo entre 'cacharristas' e 'barreiristas' impídelle ao Partido Popular encher o auditorio Gustavo Freire nos mitins, e téñense que conformar co salón de actos do instituto Politécnico, de menor aforo.

Nas eleccións de 1999, decenas de votos do PPdeG foron anulados: o nome de Cacharro Pardo aparecía tachado, e no seu lugar figuraba escrito a bolígrafo o de García Díez. Desta volta, a inquietude nas filas populares é á inversa.

Polo demais, a campaña de ambos os dous opositores con representación municipal céntrase nun punto clave: o Plan Xeral de Ordenación Municipal presentado polo grupo de goberno. Orozco prometera en numerosas ocasións aprobar o PXOM, ao que se opoñen PPdeG e BNG (e Esquerda Unida), antes das municipais, mais unha case segura impugnación por parte da Xunta -coa mala imaxe que iso suporía- acabou por adialo.

É este un dos temas que máis mobilización cidadá ten provocado nos últimos tempos en Lugo, mesmo coa creación de plataformas veciñais opostas á construción de edificios nas inmediacións do parque de Rosalía, á localización da nova ponte sobre o Miño -que dará entrada á autovía de Santiago- e á do novo auditorio, instalación que Orozco xa prometera en 1999.

76.000 vivendas en dez anos

Cómpre lembrar, ademais, que o PXOM presentado polo actual grupo de goberno contempla a construción de 76.000 vivendas en dez anos. Na actualidade, 15.000 das 50.000 con que conta Lugo están deshabitadas, e o 78% das edificadas dende 1998 tamén están baleiras.

Entre as propostas máis curiosas están a de usar produtos de comercio xusto na xestión municipal (Orozco, PSdeG), crear unha liga interparroquial de xogos populares (Laxe, BNG) e construír un teleférico entre o Parque de Rosalía de Castro e o Río Miño (Díez, PPdeG).

Outro dato, nunha recente enquisa do diario El Progreso de Lugo, os lucenses consultados afirmaban que os problemas que máis lles preocupan son o tráfico, o emprego e o urbanismo e a vivenda. Outra de hai un mes, 15 concelleiros para o PSdeG, dous máis ca en 2003, un do BNG e outro do PPdeG. E unha outra máis, a última de La Voz de Galicia, daba a Orozco e ao seu goberno como os máis valorados de todo o país.

En definitiva, falando do papa de Lugo, que pola Casa do Concello se asoma.

A volta

"Teño que dicir que me gustan as campañas electorais polo que teñen de contacto directo cos electores ós que mediante un folleto, unha foto, un díptico, uns caramelos, invitas a reflexionar e debater sobre o que se ofrece para o conxunto da cidade", Xosé Clemente López Orozco, candidato do PSdeG, no seu blog.

A volta

"Como calquera outro día bótolle unha ollada á prensa e vexo as últimas enquisas. Mellor dito as penúltimas, ou a saber... Non podo negar que me gustaría ver datos máis favorábeis mais tampouco esperaba boas noticias", Xaquín García Díez, candidato do PPdeG, no seu blog.

A volta

"Os cargos políticos somos servidores públicos. É algo que nunca deberiamos esquecer. Porque as eleccións non son unhas oposicións que dan acceso a un cargo vitalicio. É certo que o pobo é soberano para manter a unha persoa no poder o tempo que estime, pero ha de pedírselle a todo gobernante que saiba dar o paso de deixar o cargo", Xosé Anxo Lage, candidato do BNG, no seu blog.

4/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Resultados nas pasadas eleccións en Lugo
Resultados nas pasadas eleccións en Lugo
Orozco, na Praza do Rei de Lugo
Orozco, na Praza do Rei de Lugo
Díez, co líder do PP español, Mariano Rajoy
Díez, co líder do PP español, Mariano Rajoy
Laxe, na Sociedade Gastronómica Lucense
Laxe, na Sociedade Gastronómica Lucense