DESDE A CANTEIRA DO CELTA
"Síntome un pouco discriminado"
Este xoves sentenciou a eliminatoria da Uefa entre o Celta e o Spartak de Moscova cun espectacular tanto co que se estreou como goleador en competición europea. Malia ser un dos recambios máis utilizados por Fernando Vázquez, Jonathan Aspas (Moaña, 1982) parece non entrar nos plans do conxunto vigués para a próxima tempada. Falamos con el sobre a súa actuación ante o Spartak e sobre a súa renovación.
Gael García - 20:34 28/02/2007
Estreouse como goleador en Europa cun tanto ben fermoso. Que se lle pasou pola cabeza para probar fortuna desde tan lonxe?
Estaba practicamente só así que vin que estaba nunha situación cómoda para tirar e, como acostumo a realizar ese tipo de lanzamentos ao finalizar os adestramentos con Perera e Esteban, pois probei sorte. A verdade é que non puido saír mellor.
A xogada está a ser emitida nas canles deportivas de toda Europa. Faríase cunha copia do gol para gardar para sempre?
Pois a verdade é que non. Vino varias veces é si que é un bo gol pero sobre todo valoro que axudou a pasar a eliminatoria e que nos permite seguir en Europa. Tamén para facer saber que os que habitualmente non temos oportunidades como titulares na liga tamén o estamos a facer ben na Uefa.
Atopouse cómodo co esquema de tres centrais e dous laterais adiantados que colocou Vázquez ante o Spartak?
Máis ben xoguei como carrileiro pero a verdade é que cando eles tiñan o balón e tiña que pechar a veces complicábame un pouco ao non elixir a mellor xogada. Aínda así, á hora de atacar si que me atopei cómodo porque había moitos espazos e sobre todo na segunda metade, con eles máis entregados no ataque, pois si que tivemos varias contras importantes.
Cre que pode facer algo importante o Celta nesta edición da Uefa?
Agora temos un rival moi difícil como é o Werder Bremen e temos ademais o inconveniente de ter que xogar o primeiro partido en Balaídos. Procuraremos sobre todo non encaixar ningún gol e viaxar a Alemaña coa porta a cero polo que poda pasar, porque a eliminatoria vaise decidir alá.
Aínda así, supoño que o equipo estará moi preocupado polo partido deste domingo co Rácing...
Si, estamos moito máis centrados na liga porque nesta competición non estamos como para tirar foguetes e está claro que o que máis nos importa e manterse en primeira, tanto aos futbolistas como ao club.
Que hai da renovación? Segue sen unha oferta interesante por parte do Celta?
O tema está parado desde a última reunión que mantiven en novembro. Daquela rexeitei a oferta que me fixo o club e non volvín ter noticias do asunto. Desde aquel entón ninguén se puxo en contacto comigo nin me fixeron ningunha oferta polo que o meu futuro no Celta está no aire.
Cre que polo feito de ser galego e canteirán ao mellor non se lle valora como se fora un futbolista estranxeiro?
Non o sei, é algo que xa non depende de min. Pero cando ves a outros que chegan de fóra e teñen máis oportunidades un séntese un pouco discriminado. Eu intento adestrar o mellor posíbel e aproveitar as oportunidades no terreo de xogo, logo xa é o adestrador o que ten que decidir.
Está a escoitar ofertas doutros equipos?
Si, o meu contrato co Celta remata o 30 de xuño e se o club non cre conveniente renovarme pois eu terei que buscarme o meu futuro e se está lonxe de Vigo pois... a vida sigue.
Novas relacionadas
Cara e cruz en tan só noventa minutos. O Celta realizou a mellor primeira metade no que vai de campionato e deixou escapar a vitoria nunha desastrosa...
O Werder Bremen será o próximo rival do Celta na Copa da Uefa. Os vigueses xogarán contra os alemáns logo de eliminar este xoves a un Spartak de...
Importantísima vitoria a acada na tarde do domingo polo Celta ante o Osasuna no Reino de Navarra (0-1). Un gol de Baiano aos dous minutos de xogo...
A volta
"Non estamos como para tirar foguetes e está claro que o que máis nos importa e manterse en primeira"
A volta
"Ninguén se puxo en contacto comigo nin me fixeron ningunha oferta polo que o meu futuro no Celta está no aire"
A volta
"Cando ves a outros que chegan de fóra e teñen máis oportunidades un séntese un pouco discriminado"