Dous anos despois de que se asinara o tratado de Ohrid varias cuestións das discutidas naquel documento permanecen aínda sen resolver; a máis complexa a nivel da política interna é como mellorar as relacións interétnicas nun estado que se declara multiétnico segundo nova formulación da Constitutión revisada tra-lo acordo de Ohrid. O outro dos graves problemas - e que máis preocupa á comunidade internacional - é como contribuir ó desarme dun país, que xunto coa veciña Cósova alberga o maior comercio de armas resultado do conflicto no 2001, das guerras na antiga Iugoslavia nos anos 90 e tamén dos centos de miles de armas saqueadas das armerías estatais cando o goberno albanés desenvocou no caos e na violencia en 1997.
A preocupación é tal que o Programa de Desenvolvemento de Nacións Unidas financiou un xogo de lotería que consiste en que tódolos xogadores teñen que entregar unha arma a cambio dunha papeleta e polo tanto, dunha oportunidade para levarse un dos múltiples regalos que van dende un coche ata un teléfono móvil. O xogo que comezou o primeiro de novembro é a tentativa máis recente de reducir o número de armas nos Balcáns e o goberno macedonio asegurou que tentará recoller e destruir todo o armamento do seu país para finais do 2003, data que coincide coa fin dunha amnistía, a partires da cal a posesión de armas será ilegal.
Mais, ¿cales son os antecedentes deste xogo macabro que o PDNU e o goberno de Macedonia puxeron en marcha e que, a fin de contas, premia con sustanciosos regalos a persoas que probablemente, teñan matado a alguén coa mesma pistola que entregan?
Dende a súa independencia vai doce anos, Macedonia nunca estivo tan preto do fin do abismo creado pola falla de fe e polo medo, capaz de paralizar a mente dos humanos que en agosto do 2001, cando rematou o conflicto entre macedonios e albaneses. Tódolos residentes que tiveron que abandoar Tétovo de ámbalas duas étnias- manifestaron o seu desexo de voltar e non tiveron dificultades para continuar vivindo cos seus veciños. Mais, as súas voces víronse interrumpidas polo son das armas e os discursos dos políticos.
Na actualidade, as relacións interétnicas son o gran reto de Macedonia e constituiron a fonte do conflicto que estalou na primaveira do 2001 en Tétovo, por parte da comunidade Albanesa, que esixía principalmente, unha mellora da situación económica e o grao superior de educación en albanés. Seis meses máis tarde o tratado de Ohrid foi asinado e ratificado polo parlamento en novembro do mesmo ano. Primeiramente, o tratado expresa o achegamento das relacións entre Macedonia e a comunidade euro-atlántica e, en segundo lugar, a promoción do respeto da identidade étnica para tódolos cidadáns macedonios. Este podería ser un motivo de discusión se nos decatamos de que o inglés é a única lingua oficial do documento, non hai unha copia orixinal nin en macedonio nin en albanés, o que nos leva á cuestión da pertenza ou propiedade do tratado. A pertinencia desta pregunta apóiase no feito de que os macedonios consideraron o Tratado de Ohrid coma unha imposición da comunidade internacional en favor dos albaneses e ó memo tempo, as demáis comunidades étnicas consideráronse a sí mesmas excluídas do tratado.
Sem embargo, o temor ós albaneses é en grande medida froito do proceso de desarme; ó seguinte día de asinarse o tratado de Ohrid, o Exército de Liberación Nacional, ELN asinou o acordo para o desarme na vila de Sipkovica co embaixador da OTAN Peter Feith, esta sinatura permitía ás tropas da OTAN entrar no país. O proceso de implementación do tratado de Ohrid só se podería levar a cabo unha vez as forzas internacionais tiveran recollido e destruido o completo arsenal do ELN. Dous días despois da sinatura do acordo un decreto presidencial confirmaba a amnistía dos membros do ELN coa excepción daqueles que tiveran perpetrado crimes baixo a xurisdicción do Tribunal da Haia.
Os días que sucederon á sinatura do tratado de Ohrid foron moi difíciles e a maior preocupación era o número de armas do ELN que tería que recoller a OTAN. Ó final, a simbólica cantidade de 3, 000 pezas resultou ridícula a humillante para o estado de Macedonia, porque os servicios de seguridade do país consideraban que a cifra tería que ser cando menos, dunhas 30, 000. Os macedonios interpretaron a intervención da OTAN coma o establecemento dun protectorado virtual que creou unha atmósfera de tensión ata os nosos días. O completo proceso de desarme rematou en setembro do 2001 co resultado de 3, 875 pezas requisadas. Unha cifra insignificante se temos en conta o elevado número de armamento que existe na zona e a enorme relevancia dun proceso de desarme que estivo dende o inicio vencellado ós cambios constitucionais.
Un dos cambios esenciais propiciados polo acordo de Ohrid afectaba ó preámbulo da constitución do país; segundo a nova formulación, Macedonia non era só o Estado do pobo macedonio, senón que ademáis se reincorporaban ó texto as comunidades albanesa, turca, serbia, valaca e romaní que habitan no páis; é dicir, afirmábase o carácter multiétnico do estado macedonio. Mais, o feito de que só duas comunidades étnicas participaron no asinamento macedonios e albaneses- xunto co problema do incumprimento do tratado no que se refire á recolección de armas en mans dos albaneses fai pensar que dende o inicio houbo unha clara intención da creacción dun estado binacional por parte de albaneses e da comunidade internacional e unha resignada aceptación deste feito por parte dos macedonios.
En resumo, mentres que algúns sosteñen que o Tratado de Ohrid foi a mellor solución para o conflicto, outras opinións sosteñen que, aínda que en principio ese foi o espíritu do acordo, o tratado de Ohrid fallou primeiro na súa tarefa de desarme, en segundo lugar, porque as negociacións e discusións foron intensas entre macedonios e albaneses deixando á marxe ás outras etnias mencionadas no preámbulo da Constitución, e en terceiro lugar, porque foi considerado coma unha imposición da comunidade internacional para aplacar a violencia dos paramilitares albaneses. Esta valoración dos acontecementos pretende por de manifesto que a a tarefa que agora se propoñen o PDNU, xunto co goberno macedonio tería que estar xa realizada dende o mesmo inicio do proceso de paz, tal e como se pactara en Ohrid e quizáis, a mellor resposta que se podería dar á imaxinativa proposta do PDNU é que o futuro dun estado non é algo que se poida botar a sortes.