Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A CONSELLARÍA E O CONSORCIO DA ZONA FRANCA ACORDARON HOXE O TRASPASO

Cultura xestionará o Museo do Mar de Vigo

Coa vocación de ser o espazo que investigue a relación de Galiza co mar, sen a participación do concello de Vigo -que non quixo participar nas reunións- e co acordo entre a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e o delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Francisco López Peña, este xoves pactouse o traspaso do Museo do Mar de Vigo, que se integrará en 2006 na Rede Galega de Museos e pasa a ser titularidade da consellaría.

- 10:02 03/03/2006
Tags:

O acordo, que se ha asinar nas vindeiras semanas, concretarase nun convenio cun período de transición durante o cal a Zona Franca manterá a súa participación no financiamento do museo, cifrado anualmente en dous millóns de euros, reducindo a súa aportación até que esta dependa exclusivamente dos orzamentos de Cultura e do Padroado que se estableza.

Desde o Consorcio da Zona Franca de Vigo sinalan que o museo quedara nas súas mans "por diferentes avatares do anterior Goberno galego". "Agora" -din- "trátase de atopar o mellor tipo de xestión para que o pobo galego en xeral poida gozar non só dunha arquitectura de extraordinario valor -Aldo Rossi e Portela proxectaron o edificio-, senón tamén duns contidos expostos nas mellores condicións, para amosar aos visitantes a relación entre a nosa terra e o mar".

Deste xeito, Cultura volverá xestionar directamente este espazo despois de seis meses de negociacións. A conselleira, Ánxela Bugallo, foi crítica cos actuais responsabeis do goberno local. "Desde o comezo das negociaciacións solicitamos a súa participación, pero non se presentaron a ningunha das dúas convocatorias de reunión, e mesmo atrasaron o proceso, pois as datas cambiáronse para que eles puideran asistir", dixo.


0/5 (0 votos)