O contrabaixista compostelán Xacobe Martínez Antelo presenta o sábado na sala Nasa da súa cidade o seu último traballo Isto é jazz!!!, a partir das once da noite. O músico tocará co seu quinteto, formado por Pablo Castaño, Toño Otero, Marcelino Galán e Max Gómez. O mesmo día, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, o grupo Hot3sss ofrecerá A voltas co Ragtime, dentro do circuíto Redesons Jazz.
O venres 22, a Real Filharmonía toca, ás nove da noite no Auditorio de Galicia, a Missa Solmenis de Beethoven, baixo a dirección de Antoni Ros Marbà. O mesmo día, ás oito do serán, o Cuarteto Agógica interpreta Integral dos cuartetos con frauta de Mozart, na Casa da Cultura de Foz. Media hora máis tarde, a compañía Inquedanza ofrece En la cuenca de tus ojos no Auditorio Municipal de Ourense, como parte do ciclo Danza na Rede do IGAEM.