Os días 28 e 29 perpetraranse na Sala Nasa de Compostela as Ultranoites Inocentes, dúas sesións de cabaré colectivo dedicada ao día dos inocentes. O dúo Mofa e Befa celebra o seu segundo septenio como grupo estreando unha nova versión do seu Finis Mundi Circus e unha visión diferente da Matanza dos Inocentes. Para iso, contarán coa axuda de Chévere, os Magical Brothers, Pistacatro, Piti Sanz, Fran Pérez, María Bouzas, Quico Cadaval e quizais alguén máis. Aínda que xa están esgotadas as entradas anticipadas, queda a posibilidade de adquirir algunhas na billeteira unha hora antes do comezo das funcións, previstas para as once da noite.
Para o mes de xaneiro, a sala compostelá xa ten preparado un completo programa de espectáculos, con marcado acento portugués. O venres 12, ás nove e media, está previsto o primeiro concerto espacial do ano, organizado en colaboración coa Reixa. Tamén se abrirá a exposición fotográfica Memória-A marca humana de 26 freguesias do Concelho de Tondela, dentro do ciclo Portugaliza, que permanecerá até o mes de marzo. O sábado chegará o grupo portuense Bangguru para actuar a partir das dez da noite. O martes seguinte, día 16, celebraranse os Seráns na Nasa, un festival de música e baile tradicional galegos nos que estarán Os Republicanos, Albariza, A Reixeira e outro grupo aínda sen confirmar. O seguinte xoves, 18 de xaneiro, ás dez, tocan os Trabalhadores do comércio, tamén da cidade do Porto.
Tamén vai haber teatro, dentro do ciclo Portugaliza. O venres 19 e o sábado 20, ás dez da noite, o Teatro de Marionetas do Porto ofrecerá o seu espectáculo Nada, ou o silêncio de Beckett. Trigo Limpo interpretará o martes 23 Cantos da língua e o xoves 25 2 histórias de Solidão, e os días 26 e 27 subirá ao escenario da sala Peripécia Teatro. O mes rematará con músicas improvisadas o martes 30 ás nove e media, enmarcadas nas Sesións vibracionais.