Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
INDUSTRIA ACTUALIZA OS PRAZOS DE EXTENSIÓN DE INTERNET A 2.800 PUNTOS DO RURAL

Sen ADSL ao carón do Obradoiro

Os cidadáns que viven en áreas sen acceso de alta velocidade xa poden consultar cando e como se van poder conectar. O Ministerio de Industria acaba de actualizar as súas previsións de extensión de internet ao rural. As promesas oficias falan de conectar máis de 2.800 puntos nos dous próximos anos. O certo é que ata agora a administración non foi quen de cumprir os seus propios prazos. Non son os veciños de aldeas illadas os únicos que sofren a fenda dixital, xa que a lista de áreas por conectar inclúe lugares de concellos urbanos como, por exemplo, Santiago, Ferrol, Pontevedra, Ourense e Lugo.

- 15:25 08/01/2007
Tags:

Conectarse a rede con banda larga é imposible para o 26% dos galegos, segundo datos de 2006. Cómpre lembrar que o Goberno estatal prometeu que todos os núcleos con máis de 250 residentes terían acceso á banda larga antes de que remate este ano. Porén, o certo é que a execución deste Programa, lanzado no verán de 2005, leva meses de atraso.

As novas previsións sobre que lugares se conectarán en 2007 e 2008 pódese descargar dende a web do Programa de Extensión da Banda Larga en Zonas Rurais. A tecnoloxía sen fíos WIMAX será usada en 1.494 aldeas, mentres que as solucións mixtas con ADSL (ADSL máis WIMAX ou ADSL máis satélite) instalaranse noutras 390 localidades. O ano pasado conectáronse un total de 946 lugares.

Subvencións para as operadoras
Dende a administración galega, o Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información, sitúa nun 90% a porcentaxe de poboación que poderá contratar acceso de banda larga en 2009. Para logralo, este documento prevé "subvencións e empréstitos para despregar infraestruturas no medio rural". É dicir, as operadoras, recibirán cartos por achegar as súas redes aos "escenarios de negocio moito menos rendíbeis", do mesmo xeito que sucede no Programa estatal.

Na actualidade, en torno a 74% dos galegos viven en zonas nas que se pode acceder a internet de alta velocidade e, aínda así, Galiza segue de pechacancelas no uso da rede. Isto ten provocado debates sobre ata que punto a fenda dixital galega está causada polo déficit de infraestruturas.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: