Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AÍNDA QUE OS PRODUTORES DIN QUE NON HAI MOTIVO

As multinacionais pactaron a baixada do 4% no prezo do leite

O pouco peso das empresas autóctonas dificulta a mediación da Xunta neste tipo de crises. Industrias, sindicatos e consellería reúnense o xoves en Santiago.

Redacción - 18:37 13/03/2007
O prezo do leite volve baixar en orixe

O prezo do leite volve baixar en orixe

As peores previsións levan camiño de cumprirse. Segundo puido saber Vieiros, as multinacionais “acordaron” baixar o prezo do leite en orixe este mesmo mes de marzo. A redución prevista é dun 4% no valor do produto. Se até o de agora o pago medio por litro de leite andaba en 30 céntimos, cifra que pode subir ou baixar en función de parámetros de calidade, a partir deste mes a baixada é de 1,2 céntimos. Organizacións agrarias como Xóvenes Agricultores estiman que isto traducirase no caso galego nunha perda de 2,5 millóns de euros mensuais. Unha cifra preocupante para un sector en crise.

As empresas xustifican tradicionalmente esta baixada por mor do aumento dos pastos na primavera e verán e do correspondente incremento de produción. Non se agarda que o prezo non volva ao seu valor actual até, polo menos, o mes de setembro. Pola súa parte, sindicatos, cooperativas e tamén a Consellería de Medio Rural coidan que non hai ningunha razón “lóxica” para este descenso. Incluso hai quen sinala que unha boa proba é que a facturación das empresas non deixa de medrar.

O papel da administración tampouco semella fácil. O libre mercado e a lei da oferta e da demanda déixanlle á consellaría un mero papel de mediador neste tipo de conflitos. A histórica ausencia de grupos empresarias fortes galegos tampouco lle permite á Xunta negociar en clave de país. De feito, prevese que cooperativas de mediano tamaño como pode ser o caso de Feiraco tamén terán que reducir o prezo de compra do leite seguindo a inercia das grandes multinacionais.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: