A Xunta está convencida de que esta medida vai servir para moderar os prezos
O Goberno vai modificar a actual Lei do Solo de Galicia. As consellarías de Política Territorial e de Vivenda anunciaron este venres que os concellos van ter que aumentar a porcentaxe de chan destinado a vivendas de protección. Se até o de agora era obrigatorio reservar o 20% do solo para este fin, a modificación obriga a que os municipios de máis de 20.000 habitantes reserven o 40% do terreo que teñen que ceder os promotores. O resto de municipios terán que destinar un 30%.
As conselleiras María Xosé Caride e Teresa Táboas sinalaron este venres, nunha conferencia de prensa, que a modificación busca favorecer o acceso a unha vivenda digna a aquelas persoas que dispoñan das rendas máis baixas. Política Territorial anuncia que se vai abrir un prazo de consultas cos sectores implicados. Porén, a Xunta agarda que a modificación entre en vigor antes de que remate este ano.
Cambios substanciais
Na actualidade os concellos reciben dos promotores un 10% do chan urbanizábel, que pasa a formar parte do patrimonio municipal e posteriormente se destina a usos dotacionais, equipamentos e vivenda protexida. Táboas sinalou que “na práctica, monetarizan ese patrimonio”. Con esta modificacion vai prohibir que os promotores poidan substituir a cesión do chan para vivenda protexida polo pago de cartos en metálico o que, segundo a nacionalista, “é un logro a favor da transparencia do chan por parte dos concellos”.