Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Os 'Óscar' da internet

O fenómeno YouTube, protagonista dos undécimos premios Webby

O portal de vídeos, David Bowie, eBay e Flickr, entre os principais galardoados.

Redacción - 11:33 02/05/2007
Logotipo dos premios Webby

Logotipo dos premios Webby

Xa se fallaron os undécimos premios Webby, galardóns que valoran os mellores traballos presentes na internet. A academia internacional das Artes e das Ciencias Dixitais é a encargada de conceder as distincións, divididas en case setenta categorías, e que naceron en 1996, nos albores da rede. Desta volta, o fenómeno YouTube foi o auténtico protagonista dos Webby.

Nun evento que se celebrará do 3 ao 5 de xuño en Nova York entregaranse cinco premios especiais: dous de recoñecemento a toda unha vida, que irán para o portal de poxas eBay e mais para a web do cantante e actor David Bowie, quen casualmente tamén é membro da academia.

Como personaxes do ano foron elixidos Steve Chen e Chad Hurley, cofundadores da web de vídeos YouTube, impulsora dun movemento que deu lugar aos outros dous premios que se entregarán este ano por primeira vez: Ask A Ninja e Jessica Lee Rose, coñecida como Lonelygirl15 foron considerados mellor actor e actriz da rede, respectivamente.

O resto dos premios divídense en catro grandes bloques: o máis numeroso, que galardoa páxinas web, conta con gañadores como Greenpeace, na categoría de activismo; Flickr, con Webbies ao mellor deseño visual e á mellor comunidade; BBC, ao mellor portal informativo, ou O labirinto do fauno, como mellor web dun filme.

Dentro das categorías a mellor blog, foron premiados We Make Money Not Art, como mellor bitácora persoal ou cultural; Truthdig, como mellor blog político, e DealBook, do New York Times, como mellor blog de negocios. Tamén se pode salientar o premio á mellor web rara, para Cute Overload, blog especializado en imaxes de animais riquiños.

Os outros tres bloques temáticos de premios Webby foron para a publicidade interactiva, o vídeo en liña e a internet móbil, tres sectores en crecemento. Todos os gañadores pódense consultar na web dos premios.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: