A deputada conservadora asegura que o PSdeG se viu “moi presionado” polo BNG para sacar adiante o texto.
Manuela López Besteiro, responsábel de Educación do PPdeG, asegura que o seu partido non deu marcha atrás na súa postura sobre o decreto de galeguización do ensino: “Nós participamos dun borrador que está cambiando de xeito substancial”. Segundo lle explicou a Vieiros, a redacción final do decreto “non respeta a igualdade de oportunidades entre os dous idiomas”. Para a formación conservadora é especialmente “sospeitoso” a “celeridade” coa que se aproba o decreto: “A miña impresión é que o PSdeG viuse moi presionado polo BNG”.
Diante das preguntas deste xornal, Besteiro negou rotundamente que houbera presións dende Madrid para recuar. Segundo a deputada popular a raíz da discrepancia actual é que o decreto “racha o equilibrio entre galego e castelán”. López Besteiro sinala que o PPdeG apoiaba firmemente un reparto de materias igual para cada idioma: “A nosa postura inicial era o 50% e pensamos que o PSdeG tamén estaba aí, pero o decreto abre a porta a unha porcentaxe moito maior. Non hai proporcionalidade. Incluso pode haber centros nos que o modelo sexa integramente en galego agás a materia de lingua castelá”.
Un dos puntos que máis lle preocupa aos populares, tal e como xa avanzaba Vieiros, é o que respecta á Educación Infantil: “a redacción para este nivel é totalmente diferente”, sostén Besteiro. A deputada da oposición coida que detrás da redacción se “agocha” o modelo das galescolas que impulsa Vicepresidencia. No que respecta aos mapas sociolingüísticos que se terán en conta á hora para escolarizar os máis cativos, Besteiro asegura que istes poden ser feitos “ad hoc”.