Chega unha das míticas competicións na tempada de traíñas, aquela que nun tempo era a competición do millón e que agora pode decidir a táboa clasificatoria que chegue ás últimas semanas da Liga.
O sábado, ás 18:00 horas, comeza a primeira xornada da Bandeira Teresa Herrera, tras a que só as dez mellores tripulacións pasarán á final do domingo o mediodía.
Esta bandeira é a gran cita coruñesa e a única regata que, desde sempre -excepto o ano que se celebrou a Cutty Shark- segue a se celebrar en dúas xornadas. Antes era unha das regatas que máis motivaban os remeiros, xa que era unha das "do millón" -de pesetas, naquela altura-. Agora, a cousa foi decaendo un chisquiño e xa non existe ningunha daquelas regatas, mais a Teresa Herrera segue a ter a fama.
Un punto importante case ao final do calendario
Se cadra, no feito de ser a regata que marca o inicio do último mes da tempada, reside a súa importancia na actualidade. Nesta regata vanse definindo as posicións de cada un dos clubes na listaxe de puntuacións, da cara xa ao final da Liga Galega de Traíñas. Salvo nalgúns casos, a táboa de puntuacións ficou ao final da Liga, tal cal se escribiu despois da Bandeira Teresa Herrera.
Ademais, as cousas están quentes na Liga, co Tirán como líder dende o comezo, mais seguido de moi preto dos veciños do Samertolaméu, que non lle quitan ollo e que xa gañaron algunha regata. Os do Perillo van de terceiros e reman na casa -o ano pasado quedaron segundos e no 2005 gañaron por primeira vez-, mais síguenos os do Náutico, que están a nada deles.
Todo comeza coa contrarreloxo
O bo desta proba de dúas xornadas é que a emoción mantense até o final. Na primeira coñécense os finalistas, os que fagan unha mellor contrareloxo para se clasificaren. E logo, na segunda xornada, lóitase pola bandeira en serio.
As cousas van como seguen na Liga Galega de Traíñas:
1.- S.D. Tirán, 116 puntos.
2.- S.D. Samertolaméu, con 108 puntos.
3.- S. Regatas Perillo, con 96 puntos.
4.- R.C. Clube Náutico de Vigo, con 96 puntos.
5.- C.R. Chapela, con 84 puntos.
6.- Amegrove C.R., con 71 puntos.
7.- A.D. Esteirana, con 64 puntos.
8.- C.R. Coruxo, con 63 puntos.
9.- C.R. A Cabana, con 42 puntos.
10.- C.R. Puebla, con 41 puntos.
11.- Credimotor C.R. Ares, con 36 puntos.
12.- S.D. As Xubias, con 14 puntos.
13.- C.M: Castropol, 13 puntos.