Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UN PROBLEMA QUE NON CESA

Os novos narcos galegos: de patróns a subcontratados

O contrabando de droga en Galiza sufriu nos últimos anos a súa particular reconversión laboral.

Ramón Vilar - 09:30 31/08/2007
O narcotráfico dos anos 80 tiña a súa principal base de operacións na ría de Arousa

O narcotráfico dos anos 80 tiña a súa principal base de operacións na ría de Arousa

Lonxe queda a famosa “Operación Nécora”. En xuño de 1990 centos de policías e gardas civís chegaban á bisbarra de Arousa. En poucas horas, máis de corenta persoas resultaron detidas, incluídos destacados capos . Estábase a escribir un golpe histórico contra o narcotráfico galego, no que algúns non deixaron de ver certo afán mediático. O certo é que aquela operación acabou lanzando á fama ao seu máximo responsábel: o xuíz Baltsar Garzón.

Carme Avendaño, impulsora de Érguete e, sen dúbida, a cara máis recoñecida da loita contra a droga en Galiza coincide con Xosé Manuel Vázquez Gómez, da plataforma Vieiro, e matiza que aínda que a impunidade non é a mesma que hai anos, o noso país segue a ser un importante punto de entrada de estupefacientes.

Quizais para fuxir de pantasmas como as da “Operación Nécora” as relacións neste mercado ilegal tamén mudaron nos últimos anos. Avendaño asegura que as organizacións galegas cederon parte do seu antigo protagonismo e actúan fundamentalmente como transportistas da droga doutros clans foráneos. E o pago por esta “subcontrata” faise en especia. Posteriormente, estas mesmas redes de transporte serían as encargadas de vender esa mercancía no mercado interno.

O informe da fiscalía coincide con Avendaño: “Nos últimos anos defínense a estes grupos galegos como narcotransportistas. Con este nome resáltase a súa especial participación na última etapa da viaxe da droga dende Sudamérica a España, e esta participación permite que se incorporen ao transporte cidadáns galegos moi novos que lle proporcionan á organización a súa pericia e afouteza no manexo de embarcacións rápidas, así como o coñecemento da orografía da costa”.

A perda da conciencia colectiva
Carme Avendaño cre que a sociedade galega está a perder “a conciencia colectiva do problema que supón a droga e esto é o máis periogoso”. No mesmo sentido exprésase o presidente da plataforma carballesa Vieiro, Xosé Manuel Vázquez Gómez, el tamén considera que hai un relaxamento, incluso mediático, á hora de abordar o problema.

Porén, alertan de que o problema é aínda máis grave que nos anos 80 ou 90. Cren que os heroinómanos eran un problema evidente nas rúas, “que non se podía agochar”, mais agora sinalan os destragos que producen drogas como a cocaína ou as químicas. “A medio prazo vai haber problemas psiquiátricos importantes”, sinala Avendaño. De feito, as listas de espera na sanidade pública non deixan de medrar e “as comunidades terapéuticas son a todas luces insuficientes.”


4,25/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: