O Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Behatokia e o Observatori de la Llengua afirman que non se está a cumprir a Carta Europea das Linguas.
Representantes das tres entidades reuníronse este xoves en Madrid cunha delegación do Comité de Expertos do Consello de Europa encargado de avaliar o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas. O Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Behatokia e o Observatori de la Llengua denunciaron a “nula iniciativa” do Estado Español de cara a que se cumpran as directrices da Carta.
A comitiva galega estivo representada por Alba Nogueira e Carlos Callón, que só salientaron como pasos positivos o novo decreto do ensino e a posta en marcha das galescolas.Porén, lembraron que xa en 2005, o Consello de Europa propuxo unha serie de medidas para normalizar os tres idiomas na xustiza. Dous anos despois as medidas tomadas son escasas xa que se precisan cambios normativos na lexislación estatal que regula a capacitación dos maxistrados, melloras nas ferramentas informáticas e medidas que eviten as dilacións que sofren os procesos nos que se quere empregar o galego.