Foi detectado o envío a institutos de volumes dunha editorial financiada polo goberno rioxano que defende as "vantaxes" do franquismo ou a "curación" da homosexualidade.
En internet poden consultar o catálogo completo da editorial Libros Libres. Aló poden atopar por exemplo o volume Comprender e sandar a homosexualidade, escrito por Richard Cohen, e que presuntamente explica "como se pode pasar de ser homosexual a ser heterosexual". O texto di recoller testemuños de moitas persoas que "lograron realizar esa transición" e afirma ser "iluminador" e abrir "un horizonte de esperanza".
A formación sindical CCOO-Rioja denunciou esta semana que se atopou o envío de exemplares desta obra "homófoba" a centros de ensino da Rioxa. Critican que o executivo investiu arredor de dez mil euros na compra de obras publicadas por esta editorial e distribuídos dentro dunha suposta campaña de fomento da lectura. CCOO pídelle ao goberno do PP na Rioxa que explique "por que financia a ultradereita" e "contamina ideoloxicamente" os centros de ensino.
Paradoxalmente, desde a mesma web da editorial solicítanse adhesións á campaña de obxección contra a materia de Educación para a Cidadanía. No catálogo da editora tamén se inclúen obras contra o cambio climático, sobre a teoría da conspiración no 11M ou de exaltación das supostas bondades do treito franquista e contra a II República.