Unha web dos colectivos LGBT denuncia que o espazo se utilizou para difundir a idea de que a homosexualidade é unha doenza.
A web Dos Manzanas.com, dedicada ao colectivo lésbico, gai, transexual e bisexual, denunciou que o programa da COPE La tarde con Cristina dedicou a súa sección de Amor e sexualidade a falar de como “curar” a homosexualidade. A condutora do espazo, Cristina López Schlichting, convidou dúas expertas en planificación familiar natural, que tentaron buscarlles causas sociolóxicas ou psicolóxicas ás relacións con persoas do mesmo sexo.
Entre os motivos que buscaron atopábanse a obesidade ou o maltrato na infancia como causas da homosexualidade. Durante o programa, as convidadas referíronse á “tendencia homosexual” como “factor alterado”, “anomalía no desenvolvemento” ou “feridas afectivas”, e deron consellos para “superar” eses casos de homosexualidade.
Na páxina xa lle escribiron unha carta de resposta a Schlichting, titulada “Querida Cristina Francis”.