O vicepresidente da Xunta sinala que é preciso que se impliquen tamén nesta tarefa os medios de comunicación.
Anxo Quintana aproveitou este sábado a entrega da segunda edición dos premios 'Eu tamén navegar', que recaeu na Marcha Mundial de Mulleres, para reclamar un gran pacto social que “erradique os malos tratos”. O vicepresidente cre que hai que dar un paso adiante e para iso pide a coordinación das administracións, da xustiza, dos corpos policiais, dos sindicatos e tamén dos propios medios de comunicación. Lembrou que no que vai de ano morreron cinco mulleres en Galiza e que se presentaron 2.451 denuncias por malos tratos.
Na véspera do Día contra a Violencia de Xénero, Quintana resaltou o compromiso do Goberno con este problema. Como exemplo puxo a aprobación da Lei Integral contra a Violencia de Xénero. O vicepresidente subliñou que esta normativa lonxe de ser un “punto de chegada” ten que converterse “nun punto de partida”.