O novo voceiro de NÓS-UP falou con Vieiros dos puntos tratados na súa última asemblea e das mudanzas que se fixeron estes dous anos.
O pasado sábado un hotel da comarca de Compostela acolleu a IV Asemblea Nacional de NÓS-Unidade Popular, que serviu para reafirmar a liña tomada na asemblea anterior (desenvolvida hai dous anos en Ferrol), para facer un chisco de autocrítica e para reafirmarse nos prognósticos feitos en 2005 sobre o novo Goberno, e sobre "as poucas mudanzas experimentadas" nas súas políticas en relación ás do anterior executivo fraguista.
A organización parabenizouse polo traballo feito no tecido social do país, como vía para a expansión do independentismo, mais laiouse dos poucos progresos feitos polas forzas galegas da esquerda soberanista, que só se mostran unidas en momentos puntuais, en espazos como a entidade Causa Galiza.
Segundo lle contou a Vieiros Maurício Castro, o voceiro da nova dirección nacional do organismo, na asemblea analizáronse os dous últimos anos desta lexislatura, salientando "que a esquerda independentista galega foi dende o comezo crítica co Goberno de coalición BNG-PSdeG, ao que lle viamos poucas expectativas", dixo Castro, "non a viamos como unha alternativa boa ao PPdeG, e confirmárono con esa política de continuísmo no terreo económico (políticas privatizadoras na industria, cos estaleiros e mesmo na cultura con entes como a Cidade da Cultura ou a continuidade de Reganosa), político e social". Son "políticas clonadas das do PPdeG", salientou Castro.
Tamén houbo un momento para a autocrítica
"Avaliamos o feito até o de agora e falamos de que non chega con ter razón ou facer autocrítica. É preciso mudar as cousas, sobre todo en canto á necesidade de chegar ao exercicio definitivo da autodeterminación, que o BNG ten esquecido", dixo Castro lembrando que debido á "fragmentación que presenta o movemento soberanista de esquerdas de Galiza" é imprescindíbel chegar a unha "confluencia".
Neste sentido, dende NÓS-UP avalían positivamente espazos como o soberanista de Causa Galiza, mais pensan que son "insuficientes": "Non chega con facer propostas tácticas e puntuais e xuntarse en datas sinaladas ou rituais como o Día da Patria ou o 6 de decembro; debemos camiñar cara a confluencia do movemento en todos os ámbitos, como o sindicalismo", dixo Castro, poñendo como exemplo o traballo de crítica e oposición ao goberno feita por algúns grupos da CIG. "Nós imos seguir participando en Causa Galiza, en todas as súas convocatorias, pero Galiza necesita que se vaia máis alá".
"Unha cuarta forza política é necesaria no país"
"Hai que facer autocrítica, mais todas as entidades soberanistas da esquerda galega deberan facela", comentou Maurício Castro, e seguiu salientando que outras entidades traballan sobre todo na autoafirmación, e convértense en "particularismos separados". Pola contra, Castro salientou que NÓS-UP continúa aberta á colaboración. "Facemos un traballo político serio que está dando os seus froitos, e estamos saíndo fortalecidos, mais é necesaria unha mudanza de actitudes para que poidamos chegar a acordos comúns, no propio interese e no interese de Galiza", dixo Castro, volvendo salientar que "non chega traballar en datas referenciais ou en días rituais como o da Patria, no que aparecer unidos. Ten que haber unha unión máis profunda no día a día. Nós non excluímos a ninguén, pero necesitamos que haxa unha unidade nos movementos da esquerda soberanista... pero se non existe vontade é moi complicado, e non todos os grupos demostran interese nin sinceridade para traballar sobre a unidade".
"É difícil camiñar sós", dixo o novo voceiro do organismo independentista, "o que precisamos é unha maior relevancia social, electoral... unha cuarta forza política é necesaria en Galiza. Debemos poñernos de acordo en máis cousas que en convocar manifestacións".
Reforzando os principios da organización
Nesta asemblea nacional, os militantes tamén botaron un tempo falando do reforzo experimentado nos principios da organización. "Os nosos militantes están a traballar en movementos sociais moi importantes no país, no ámbito veciñal, cultural, sindical, de solidariedade feminista e internacional" e isto demostrouse, segundo Castro, "no número de delegacións de entidades sociais convidadas á asemblea", o maior dos últimos anos (este ano participaron delegacións da AGAL, AGIR, BRIGA, a Plataforma Cidadá Cultura sim, Mausoleu nom, e asociacións ca federación "Aturujo" e os Siareir@s Galeg@s, entre outras; alén de representantes de varios centros sociais galegos. Tamén enviaron adhesións outras asociacións como o colectivo ecoloxista Verdegaia, a Asociación Galiza por Palestina, e a Comissom pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e de Pontevedra; entidades nacionais como do PCPG, de Corrente Vermelha, o Movimento pola Base (MpB) ou Primeira Linha; e forzas políticas independentistas vascas, coma Batasuna, e catalás, coma Endavant e MDT; ademais do colectivo portugués Política Operária).