Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Petróleo: o condicionante planetario

Os prezos do cru chegaron a máximos históricos en 2007

A forte demanda de China e da India, o debilitamento do dólar, e os conflitos políticos do mundo favoreceron a tendencia alcista.

Axencias / Redacción - 14:35 17/12/2007
O prezo do petróleo chegou até perto dos 100 dólares

O prezo do petróleo chegou até perto dos 100 dólares

A forte demanda en países que, como China ou India, rexistran un espectacular avance económico, sumado ao debilitamento do dólar, entre outros factores, favoreceron que os prezos do cru acadasen máximos históricos en 2007.

O prezo do petróleo de Texas chegou á cifra histórica de 99,29 dólares en Nova York o 21 de novembro. A presión alcista tamén influíu no mercado londinense, onde o barril de Brent se pagaba estes días a 96 dólares.

Conflitos políticos no mundo
No entanto, non foi até finais do pasado mes de xuño cando o prezo do cru comezou a súa imparábel escalada, superando os 70 dólares tanto en EUA como en Londres, logo de estrear o ano ao redor dos 50.

A tensión que xeraba o conflito sobre o programa nuclear de Irán e a inquietude por unha hipotética interrupción do subministro de cru dende Oriente Próximo aceleraron a suba do Brent, sustentada tamén en ocasións pola inseguridade en Nixeria, principal produtor africano de petróleo.

En outubro, os valores do cru texano e de Brent rexistraban marcas de máis de 80 dólares. Cos mercados atentos á posibilidade de que o Exército turco entrará en Iraq polo conflito coas milicias curdas, acabou por superar os 90 dólares a finais dese mes.

Aumento da demanda en China e na India

Por outra banda, as reservas de petróleo en EUA diminuíron en case 50 millóns de barrís na segunda metade de 2007, e en novembro eran case un 9% inferiores ás de 2006. A tendencia alcista foi ademais en paralelo ao debilitamento histórico do dólar fronte ao euro.

A Organización de Países Exportadores de Cru (OPEC) tratou en setembro de frear a carreira alcista do cru e aumentou en 500.000 barrís o seu nivel de produción dende novembro, mais iso non impediu que o petróleo seguise en valores históricos nos últimos meses do ano.

A OPEC calcula que a demanda en China en 2007 será un 6,14% superior á de 2006, namentres que a Axencia Internacional da Enerxía (IEA) estima na India aumentará un 4,5%.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: