Obriga ao goberno valenciano a aceptar a titulación de filoloxía catalá para acreditar o coñecemento do valenciano nas oposicións, mais o primeiro non o acata.
A secretaria de Educación, Concha Gómez
O Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana ditou unha sentenza na que obriga á Generalitat a aceptar a titulación de filoloxía catalá para acreditar o coñecemento do valenciano e poder concorrer ás oposicións aos corpos docentes non universitarios.
A petición de que o coñecemento do catalán computase nestas oposicións foi feita polas universidades de Valencia e Alacante. Mais agora a secretaria de Educación da Generalitat Valenciana, Concha Gómez, dixo que o seu goberno non pensa acatar a sentenza, alegando que deben ser coherentes co Estatuto, no que figura que a lingua oficial de Valencia é o valenciano.
Equiparación xurídica do termo "valenciano" ao termo "catalán"
A sentenza do TSXV dálle validez xurídica tanto ao termo "valenciano" como ao termo "catalán" para denominar a lingua. Para o tribunal o "valenciano" é a lingua oficialmente recoñecida polo Estatuto, se ben o término académico da mesma é "catalán".
Con esta xa son trece as sentenzas do TSXV que equiparan o valenciano ao catalán, sen contar coa do Tribunal Constitucional español e o Supremo.
Trece sentenzas... e trece negativas do goberno
O voceiro de Educación e Cultura de Compromìs (coalición electoral integrada por Esquerra Unida, o Bloc Nacionalista Valencià, Els Verds del País Valencià, Els Verds Esquerra Ecologista del País Valencià e Izquierda Republicana), Josep M. Pañella, pediulle ao goberno de Camps e ao PP que acepten as sentenzas e os criterios académicos e científicos da Academia Valenciana da Lingua e das universidades, que equiparan o catalán e o valenciano; ademais de lle esixir unha política activa polo uso social do valenciano.