Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
REDESEÑO

As formacións políticas abren a campaña tamén na web

Dos máis de trinta partidos que concorren ás eleccións, só os maioritarios abriron páxinas exclusivas para Galiza.

Redacción - 09:15 24/02/2008
Os principais partidos permiten subscribirse mediante RSS

Os principais partidos permiten subscribirse mediante RSS

Os tres principais partidos políticos do país renovaron cadansúa web de cara ás eleccións españolas do 9 de marzo. Tanto o PPdeG, como o PSdeG-PSOE e o BNG déronlles ás súas páxinas un aire máis moderno e, se cadra, 2.0, aínda que tampouco demasiado.

Os populares, que foron os últimos en presentar o novo portal, danlle á páxina un certo aire "maqueiro", con moito branco, cores azuladas e bordos arredondados. Ademais de ofrecer varias modalidades de subscrición, incluída o correo electrónico, conta con presenza en varias redes sociais: unha canle de vídeos en YouTube, unha de fotografías en Flickr, e mais presenza no servizo, aínda non aberto ao público, Tuenti, e mais en Twitter, onde só conta, polo momento, cun seguidor. Alberto Núñez Feijoo conta, ademais, co seu propio blog.

A web do PSdeG-PSOE incorpora moitas imaxes, grandes titulares, galerías fotográficas e unha sección de vídeo, PSdeG-PSOE.tv. No eido da accesibilidade destaca unha versión lixeira para PDA. Tamén hai que salientar que as novas pódense enviar a diversas redes sociais e permiten comentarios dos internautas. Conta, tamén, con RSS, pero non é detectado automaticamente polos navegadores, como tamén acontece coas webs do PPdeG e do BNG.

A proposta nacionalista é a que, aparentemente, ofrece menos novidades con respecto ao que xa existía anteriormente. Ofrece a posibilidade de enviar as entradas a varias redes sociais ou por correo electrónico, dispón de subscrición por RSS, unha axenda de actividades e mais unha canle de vídeos no YouTube, TeleBNG.

Hai máis ca tres partidos
Pero en Galiza preséntanse máis de trinta partidos, algúns deles só por algunha provincia ou para unha das dúas cámaras do parlamento español. De todos eles, a meirande parte carecen de páxinas específicas para o noso país, por non falar do uso da nosa lingua. Só Esquerda Unida, cunha web independente, e o partido Por un mundo máis xusto, cunha páxina traducida ao galego, teñen en conta a lingua.

Tamén usa o galego unha formación autóctona, como o Partido Comunista do Povo Galego, mentres que o blog de Identidade Galega aposta polo bilingüismo. O resto das formacións ignoran a nosa lingua, mesmo explicitamente nos seus programas. Porén, Ciudadanos ten unha sección específica para o noso país, e outro tanto acontece con Unión, Progreso y Democracia.

Caso á parte é o do Partido familia y vida, que ofrece unha icona coa bandeira galega, pero que leva a unha páxina tamén integramente en castelán. O Partido antitaurino contra el maltrato animal ofrece varias linguas na súa web, pero entre elas non está a nosa.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: