E ademais, os partidos das mozas vanse xogar aquí, porque a cousa é para as dúas seleccións dos tres países, a masculina e a feminina. Todo comeza en maio.
A Directora Xeral para o Deporte, Marta Souto, acompañada polo presidente da Federación Galega de Baloncesto (FGB), Francisco Martín Micó, anunciou esta cuarta a participación das seleccións galegas absolutas de baloncesto no "I Torneo das Nacións", competición que nace froito dun acordo entre a propia Federación Galega de Baloncesto, a Catalana e a Vasca.
Durante a presentación, Souto eloxiou o traballo da FGB que, dixo, coincide "coa nosa liña de traballo de situar ás seleccións galegas en competicións internacionais", unha iniciativa que, segundo explicou, tamén están a traballar outras federacións.
Como vai ser a cousa? Sedes e sistema de competición
O torneo estabelecerase en réxime de cuadrangular e a súa organización irá rotando dunha federación a outra cada ano, sendo diferentes as sedes para a categoría masculina e feminina.
Nesta primeira edición o noso país será o escenario do I Torneo das Nacións Feminino que se disputará en Compostela os días 16 e 17 de maio, mentres que o I Torneo das Nacións en categoría Masculina correrá a cargo da Federación Catalana de Baloncesto, e ha comezar a principios do mes de xuño.
En Galiza, as mulleres
O sistema de xogo dos partidos en Galiza comprenderá dúas xornadas. O día 16 de maio xogaranse as dúas eliminatorias, e o 17 disputarase a grande final así como o encontro para dirimir o terceiro e cuarto posto.
O presidente da FGB desvelou que se está en conversas coa selección nacional de Portugal, dirixida polo galego Moncho López, para que poida xogar un encontro contra a selección galega masculina na Coruña, pero que aínda non se concertou nada.
Os seleccionadores
O presidente da Federación Galega de Baloncesto anunciou tamén os nomes dos adestradores dos dous combinados senior galegos.
Diego Ocampo Álvarez, actual adestrador axudante no Akasvayu Girona da ACB, dirixirá á selección masculina, axudado por Rubén Domínguez Domínguez, adestrador axudante no Leite Río Breogán.
A selección feminina estará a cargo de Miguel Méndez, adestrador do Real Club Celta Vigourbán da Liga Feminina e actual Seleccionador Español Sub19. A axudante de Méndez será, neste caso, Xulia Pena Coto, adestradora do Durán Maquinaria Ensino da Liga Feminina 2.