Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
En 2007 moreron 122

Cada ano asasinan un cento de homosexuais e transexuais no Brasil

De media, segundo datos do Grupo Gay da Bahia -que cualificou a situación de "homocausto"- morre un cada tres días.

Redacción - 09:52 26/04/2008
Luiz Mott, presidente do GBB

Luiz Mott, presidente do GBB

O Brasil é o primeiro país no mundo en canto a asasinatos de persoas homosexuais e transexuais. Segundo o presidente do Grupo Gay da Bahia (GGB), Luiz Mott, cada ano morren asasinados, de media, uns 100 homosexuais e transexuais no país, o que resulta un morto cada tres días. En 2007 foron asasinadas 122 persoas pertencentes a estes dous colectivos.

Segundo contou Mott nunha entrevista na Rádio Nacional brasileira esta segunda feira, o Brasil está a vivir "un verdadeiro 'homocausto".

México é, por detrás do Brasil, o segundo país no mundo no que se producen maior número de asasinatos ao ano (35), seguido polos EUA, con 25 casos. De xeito proporcional á poboación destes dous países, estas cifras significan moito menos que as aportadas polo Brasil: "alí teñen 100 millóns de habitantes máis do que aquí", destacou Mott, ao tempo que precisaba que o Brasil precisa erradicar este tipo de crimes, para non quedar na historia como un dos países máis homófobos do mundo.

Medran os asasinatos de transexuais
De acordo co presidente do Grupo Gay da Bahia, até o pasado 14 de abril contabilizáronse 49 casos de asasinatos de homosexuais, mais o que máis aumentou foron as mortes de transexuais.

"Hai unha tendencia nova. Os travestis sempre representaran do 25% ao 30% dos casos de mortes. Neste ano, son metade dos casos. Como elas representan unha faixa de 30 mil habitantes brasileiros, as probabilidades de que unha travesti morra asasinada é 259 veces maior do que un gai do sexo masculino", dixo Mott.

Como, en palabras de Luiz Mott, "non existen estadísticas oficiais sobre os asasinatos de gais", as que manexa a súa organización son tiradas das noticias dos xornais en papel ou electrónicos e doutros medios de comunicación, polo que mesmo poderían ser maiores.

As posíbeis solucións
"É fundamental que o goberno institúa clases de educación sexual en todos os niveis escolares para ensinar o respecto ao homosexual e ao travesti. Despois, que a policía e a Xustiza castiguen severamente a quen mata homosexuais. En terceiro lugar, é preciso que gais e lesbianas saian do armario, asuman a súa identidade e denuncien cando sexan ameazados", terminou Mott.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: