Ademais da produción do viño, o Pazo deberá manter un proxecto que traballa na reintegración de drogodependentes.
15 millóns de Euros. Este será o prezo que pagará a adega galega Condes de Albarei polo Pazo de Baión, a propiedade que hai 13 anos fora incautada ao narcotraficante Laureano Oubiña. A empresa vitivinícola resultou ser a adxudicataria nunha poxa na que competía con Marqués de Riscal e Martín Códax. A súa oferta foi a máis alta e farase co pazo localizado en Fontán, no concello de Vilanova de Arousa.
Na Mesa de Adxudicacións do Plan Nacional sobre drogas, onde se realizou a poxa, quedaron fora as outras dúas adegas, ademais de Freixenet, que xa quedara descolgada nunha primeira fase. O pazo contén dous edificios rodeados dunha ampla zona adicada ao cultivo de viñedos para a elaboración do viño Albariño.
Contra as drogas
A explotación deste pazo levará canda si un proxecto coordinado polo Plan Nacional sobre Drogas para a reintegración de persoas en proceso de rehabilitación e outorgará unha parte do beneficio obtido a asociacións de loita contra a droga.
Este é o xeito de manter vivo o legado deste enclave. O Pazo de Baión fóralle expropiado a Laureano Oubiña para satisfacer unha multa de 60 millóns de Euros, logo de estar implicado nunha operación contra o narcotráfico.
Este proceso de adxudicación que vén de rematar pasou xa por diferentes trámites, incluído un recurso das dúas fillas de Oubiña ante o Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo para que se paralizase a poxa porque podería lesionar os seus dereitos como herdeiras de Esther Lago, falecida nun accidente de tráfico en 2001, pouco despois de saír da cadea. A corte europea desestimou aquel recurso e reiniciou o proceso que vén de finalizar.