A vila do Barbanza encherase de manifestacións artísticas e contará cunha carpa da diversidade.
Boiro prepárase, un ano máis, para celebrar a Mostra das Culturas, que se desenvolverá a fin de semana do 5 ao 6 de xullo, coincidindo coas súas festas de verán. Nun espazo cuberto, reuniranse manifestacións de artesanía, etnografía, música, danza e movementos sociais. Ademais, contará coa Carpa da Diversidade, un apartado dedicado á cultura internacional con teatro, humor ou obradoiros.
O prato forte da programación serán os concertos. O venres 4 tocarán Obrint Pas, Os tres trebóns, Boom Club e Humble; o sábado 5 actuarán, ás once da noite, os grupos Supersandwich, Nao, Bob da Rage Sense e a Banda Bassotti. O domingo á tarde, poucas horas antes da súa clausura, a Mostra acollerá unha exhibición de bailes tradicionais con Portugal como país convidado.
Carpa da Diversidade
No espazo dedicado á diversidade cultural concentraranse, en dous días, máis de vinte actividades en torno aos espazos de encontro e ao intercambio. A organización tivo en conta o público infantil, con varias actividades destinadas especialmente a el, como obradoiros ou contacontos.
Do programa pódense salientar dous recoñecidos artistas de América Latina: o teatro de Chacovachi, o domingo ás 20 horas, e Maku Jarrak, o sábado ás 19:30, ademais dos concertos da Tuna Rastafari, o domingo ás 21:30, do dúo Keresú (sábado ás 21:00) ou do grupo de percusión senegalesa Galuteranga, que tamén actuará o sábado ás dez da noite.
No exterior da carpa desenvolveranse outros modos de expresión artística: animación nas rúas e o Desfile de cor, unha actividade que comezará o domingo ao mediodía e que pretende achegar a cultura doutros pobos.
As novas tecnoloxías e novas formas de expresión como o cinema terán tamén o seu espazo na carpa, cunha proxección de cultura rumana, o documental A Semente-Etiopía e a curta Thuruvangal, a cargo de Implicadas no Desenvolvemento.