A autodenominada Mesa do Turismo, formada fundamentalmente por empresas con sede en Madrid, afirmara que galego, éuscaro e catalán frean o turismo a nivel estatal.
Os datos e informes que manexan os gobernos de Galiza, Cataluña, Euskadi e Illas Baleares indican que a existencia dunha lingua propia en cada un dos países é un elemento de identidade valorado positivamente polo común dos usuarios turísticos. "En ningún caso constitúe un factor disuasorio na elección do destino", expresan este xoves nun pronunciamento acordado conxuntamente.
Os catro gobernos respóndenlle así á chamada Mesa del Turismo, un colectivo empresarial do sector que hai poucos días anunciou a súa adhesión ao Manifiesto por la Lengua Común (.pdf), argumentando que a diversidade lingüística "causa problemas" no negocio turístico e asegurando que provoca dificultades "tanto para os turistas nacionais castelánfalantes como para os extranxeiros". De paso, a mesma plataforma queixábase tamén da "dispersión lexislativa" en materia de turismo.
Desde os executivos de Galiza, Euskadi, Cataluña e Baleares dubidan da representatividade deste colectivo, integrado basicamente por empresas madrileñas, e recordan que apenas teñen contactado con ela ao recibiren petición de cartos para viaxes e aloxamentos. "A partir deste momento consideramos que a autodenominada mesa en nada representa aos catro territorios sinalados, onde, sorprendentemente, directivos de algunhas das empresas que a integran manteñen comportamentos exemplares en pro da pluralidade lingüística", engaden ao respecto.
Contra a "estandarización" cultural
A reflexión consensuada polas respectivas direccións xerais de Turismo, sinala que as afirmacións deste colectivo "contradín abertamente as declaracións internacionais" e recomendacións estabelecidas, por exemplo polas Nacións Unidas, en favor da diversidade cultural. Por iso, os gobernos acusan a Mesa del Turismo de posicionarse a prol da "estandarización lingüística e cultural".
"A percepción de diferentes culturas a través do seu idioma propio constitúe un elemento que xa forma parte da experiencia turística", explican desde a Dirección Xeral de Turismo da Xunta. "O novo escenario turístico marcado por unha demanda máis formada e informada que centra as súas visitas nun maior achegamento e coñecemento á cultura local basea o seu éxito na sustentabilidade", recollen, lembrando que segundo o propio Código Ético do Turismo elaborado pola ONU, ese criterio baséase un dos seus tres piares na preservación da diversidade e a identidade das diferentes nacións e pobos do mundo.