Investigadores galegos e estremeños bateron a marca nun desenvolvemento que permitirá aplicación inmediatas na industria naval, aeroespacial e de telecomunicacións.
"O Finis Terrae é unha máquina estupenda para este tipo de reto", explica Fernando Obelleiro, investigador da Universidade de Vigo, e un dos integrantes dun proxecto onde colaboraron tamén responsábeis da Universidade de Estremadura e técnicos do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). "Aínda que existen máquinas máis potentes, a arquitectura do Finis Terrae é a axeitada para a nosa aplicación", avalía Obelleiro.
Os científicos anuncian así a resolución dun problema electromagnético "de 150 millóns de incógnitas", que implica duplicar o anterior récord mundial, 85 millóns de incógnitas, e prognostican que o reto para o próximo inverno está en acadar os 250 millóns. Para isto, usaron 64 dos 142 nodos do supercomputador, "o equivalente a 1024 núcleos de proceso e 5,4 Terabytes de memoria RAM", completando os cálculos en 6 horas.
Múltiples aplicacións
Xa no ámbito práctico, debullan os investigadores que se trata dun avance importante para a resolución de problemas electromagnéticos no deseño de grandes estruturas dotadas de sistemas de radio, como é o caso de avións e vehículos diversos, facilitando o deseño de simulacións.
"Cando constrúes un barco podes ter problemas de interferencias entre as antenas que leva", relatan, "construílo e ver que pasa é moi caro, por iso a simulación, que permite facer deseños virtuais do barco e observar de xeito simulado as reaccións e interaccións entre os distintos elementos, como son as antenas e radares".