Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito nos Balcáns

Holanda, eximida de responsabilidade no masacre de Srbrenica

A sentenza considera que a actuación do batallón holandés destinado na zona debe ser atribuída á ONU, mais esta non pode ser xulgada.

Redacción - 19:30 11/09/2008

Un tribunal de primeira instancia da Haia eximiu a Holanda de calquera responsabilidade pola execución a mans do Exército serbobosnio de arredor de oito mil varóns da vila de Srebrenica (Bosnia), en 1995. A ONU despregara na zona un continxente de soldados holandeses para protexer á poboación civil dun previsíbel ataque contra os habitantes musulmáns das vilas da rexión.

"A actuación do batallón holandés (na misión de paz da ONU en Bosnia) debe ser atribuída exclusivamente a Nacións Unidas (...) o que significa que o Estado (holandés) non pode ser considerado responsábel dun eventual feito incorrecto do destacamento", sinala a sentenza.

Rexeita deste xeito as denuncias presentadas por dous familiares dos finados, un intérprete e un electricista que traballaban para o destacamento holandés e que foron expulsados da base militar e deixados a expensas das tropas de Ratko Mladic; no entanto, a decisión xudicial pode ser recorrida en segunda instancia.

Holanda alegou na súa defensa que as tropas foran abandonadas pola ONU, xa que esta non lles proporcionou soporte aéreo. Porén, a acusación desvelou que os altos mandos militares holandeses decidiron non pedir este apoio para evitar que as súas tropas fosen vítimas do coñecido eufemisticamente como 'fogo amigo'.

"Non podemos demandar a Nacións Unidas xa que gozan de inmunidade", lamentou a avogada da acusación, Liesbeth Zegveld. O pasado 10 de xullo, este mesmo tribunal declarouse incompetente para xulgar as demandas presentadas contra a ONU por varios superviventes da matanza, que o Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia e mais a Corte Internacional de Xustiza cualificaron de xenocidio.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: