Montenegro e Macedonia recoñecérona esta quinta feira. Na UE, coa decisión de Portugal o martes, son 22 estados os que xa o fixeron.
Montenegro e Macedonia recoñeceron esta quinta feira pola noite a independencia de Cosova, horas despois de que a Asemblea da ONU aceptase o recurso presentado por Serbia ante a Corte Internacional de Xustiza (CIX) sobre a legalidade do autoproclamado novo estado.
O ministro macedonio de Exteriores, Antonio Milososki, anunciou a decisión do seu goberno, que acatou a votación parlamentaria previa ao respecto. A decisión de Macedonia chegaba logo de facer o mesmo a República de Montenegro pouco antes.
Milan Rocen, homólogo montenegrino de Milososki, explicou que a postura do executivo macedonio obedece a vontade do país de favorecer a integración europea. Belgrado reaccionou de inmediato anunciando que a presenza do embaixador de Montenegro en Serbia xa non era necesaria.
"Os países da rexión teñen unha responsabilidade especial para preservar a paz e a estabilidade nos Balcáns", declarou o ministro de Exteriores serbio, Vuk Jeremic, que a principios desta semana asegurou que o recoñecemento montenegrino de Cosova sería como "unha puñalada nas costas".
Montenegro e Serbia están historicamente ligadas, tanto desde o punto de vista cultural como relixioso. Unha importante comunidade serbia vive en Montenegro e numerosos montenegrinos residen en Serbia.
Ex Iugoslavia, Unión Europea e ONU
Das repúblicas ex iugoslavas, Bosnia-Herzegovina é a única que non recoñeceu aínda a independencia de Cosova. O país, conformado por dúas entidades, a República Srpska e a federación bosnio-croata, organizou o luns eleccións municipais cun resultado que lonxe de unificar o goberno, consolida a división étnica.
A ONU tampouco recoñeceu o novo estado, e na UE fixérono un total de 22 dos 27 estados membros. O último -malia as críticas de deputados e forzas da esquerda- foi Portugal, o pasado martes.