Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crise financeira mundial

A UE destinará máis de un billón de euros a axudas a bancos

Europa "vai facer máis que os EUA", dixo o presidente francés, Nicolas Sarkozy, ao anunciar as medidas tomadas polo seu goberno. O Estado Español ten preparados 100 mil millóns.

Redacción - 17:50 13/10/2008
Billete de euro, no Flickr de jaumedurgell

Billete de euro, no Flickr de jaumedurgell

Esta segunda feira o presidente francés, Nicolas Sarkozy, anunciaba as novas estratexias deseñadas polo seu goberno para superar a crise. "Tomamos estas medidas para non ter que volver tomalas", dixo Sarkozy ao revelar a cantidade -370 mil millóns de euros- que Francia vai destinar a sacar a flote as entidades bancarias, que se enmarca no plan de rescata anunciado este domingo polos gobernos dos 15 países membros da Unión Europea.

"A UE vai facer máis que os EUA", dixo o presidente francés con orgullo, referíndose ao plan deseñado polo secretario do Tesouro da administración Bush, Henry Paulson, valorado en 700 mil millóns de dólares (algo máis de medio billón de euros), que a axuda europea supera abondo. De feito, só coas axudas anunciadas por Sarkozy e pola chanceler alemá Angela Merkel, a cifra é de 800 mil millóns, e isto sen ter en conta o apoio do Estado Español, o Reino Unidos e outros países da Unión.

O rescate da Unión Europea
Este domingo os 15 anunciaban un plan de rescate no que os países do euro se comprometían a traballar para paliar as consecuencias da crise financeira mundial dentro da Unión.

O primeiro país en anunciar axudas por valor de máis de 470 mil millóns de euros foi Alemaña. Despois chegou a quenda de Francia, quen anunciou que vai destinar 320 mil millóns a un plan de garantía dos créditos interbancarios, e aínda 40 mil millóns máis para mercar accións de bancos con problemas. Polo seu lado, o Reino Unido comezou a nacionalización parcial das súas tres principais entidades bancarias (Royal Bank of Scotland, HBOS e Lloyds TSB), e Austria vai investir 100 mil millóns no rescate de entidades con problemas.

O plan do Estado Español
O goberno español prevé destinar 100 mil millóns en avais á nova banca até finais de ano, segundo anunciou esta segunda feira o presidente, José Luis Rodríguez Zapatero, tras un Consello Extraordinario de Ministros. Zapatero tamén revelou que vai autorizar o Ministerio de Economía e Facenda a adquirir títulos de entidades para reforzar os recursos propios, como medida preventiva.

Na conferencia de prensa posterior á xuntanza do Consello de Ministros, o presidente do goberno español sinalou que estas medidas son "imprescindíbeis e vitais" para salvar a grave situación do sistema financeiro e, como consecuencia, da economía. Zapatero tamén describiu os planes adoptados como "razoábeis" e "homólogas" ás do resto de países da UE, ao tempo que sinalaba que só son o comezo dun traballo que se debe facer "todos os días".

Os EUA preparan un novo plan, parecido ao europeo
As autoridades norteamericanas están a traballar na creación dun novo plan de garantías interbancarias, semellante ao anunciado este domingo polos países da Zona Euro, segundo a cadea de televisión CNBC.

O departamento do Tesouro, a Reserva Federal (Fed) e a Compañía Federal de Garantía de Depósitos bancarios (FDIC) reunironse no domingo "para traballar nun amplo plano de salvamento" do sistema bancario, segundo esta cadea norteamericana, que cita fontes próximas das negociacións.

Para ampliar información
:


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: