Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
75 ANOS DE EMISIÓNS EN GALIZA

A radio naceu para reivindicar o Estatuto

A primeira emisora do país, hoxe Radio Galicia, foi iniciativa da Liga Santiaguesa pro Autonomía en 1932.

M.S.P. - 11:12 30/11/2008

A primeira experiencia de empresa radiofónica privada é de 1919 nos Países Baixos. En 1924 o número de aparatos receptores na Gran Bretaña era xa de un millón; mentres que nos Estados Unidos había 4 millóns en 1925, o que dá unha idea do crecemento acelerado e da aceptación social do medio, verdadeiramente espectacular. En España, a primeira lexislación sobre a radiodifusión é de 1924. Desas datas son as primeiras emisoras de Barcelona, Madrid, Cádiz, Sevilla, San Sebastián ou Asturias. Hai que agardar á década dos 30 para ver aparecer as primeiras iniciativas en Galiza.

A iniciativa para instalar a primeira emisora no país foi da Liga Santiaguesa Pro Estatuto de ­Autonomía, que en 1932 comezou a emitir dende Bonaval. Porén, as dificultades técnicas obrigaron a este grupo a pedir axuda a Unión Radio, que planeaba abrir unha emisora en Vigo. A Liga comprometeuse, conxuntamente co Concello e a Cámara de Comercio para apoiar a emisora e facela así rendíbel. O 15 de xaneiro de 1933 a primeira emisora da SER en Galiza transmitía en probas e unha semana despois Castelao xa defendeu nos seus micrófonos os beneficios do Estatuto. Dende o primeiro momento a emisora compostelá incorpora entre os seus colaboradores a primeira nómina do galeguismo, como Antón Fraguas, Sebastián González, Xurxo Lorenzo, Enrique Raxoy ou Álvaro de las Casas.

En marzo de 1934, da man de Francisco Hervada García-Sampedro, aparece Radio Coruña; Radio Pontevedra tamén é de marzo dese ano, neste caso iniciativa do avogado e comerciante Enrique Vázquez Lescaille; Radio Vigo comeza a emitir no mes de abril, fundada por Santiago Montenegro Costas e Emilio Torrado Lima; Radio Ourense é de 1935, o mesmo que Radio Lugo.

O grupo galeguista de Compostela
A Liga Santiaguesa ProEstatuto era a principal animadora naqueles momentos da reivindicación autonómica para Galiza. Viña animada inicialmente dende o propio concello compostelán e presidíaa Salvador Cabeza de León, presidente tamén do Seminario de Estudos Galegos. Nela participaban entre outros Eladio Rodríguez González, Manuel Iglesias Corral, Rodrigo Sanz, Santiago Montero Díaz, Alexandre Bóveda, Avelino López Otero, figuras coñecidas do galeguismo cultural ou político.

O 5 de xaneiro de 1933 na primeira plana do xornal El Compostelano publícase unha información que di: "Rescindiendo el contrato con la empresa que primeramente se había comprometido a instalar la emisora radiofónica, van muy avanzadas las gestiones con la entidad Unión Radio, para establecer la estación que desde nuestra vieja urbe ha de avivar la llama para que el magno acontecimiento de la consecución de nuestra Autonomía Regional sea un hecho cada vez más sentido y más querido por los ciudadanos de Galicia".

'O vello dos contos'
A Xosé Mosquera Pérez, tamén chamado "O vello dos contos", encomendóuselle unha serie de programas de divulgación da cultura popular coa idea de interesar as audiencias rurais, e axiña continuou con seccións de teatro, contos e refráns, diálogos, etc., de grande aceptación.

Porén, Mosquera tivo problemas polo seu programa. En 1933 A Nosa Terra titula "O Vello dos Contos, preso", e continúa: "Pol-o discurso que ontes pronunciou ante o micrófono de Unión Radio, o popular Vello dos Contos foi denunciado e posto a disposición da autoridade xudicial por orde gubernativa. Temos de facer notar eiquí a nosa protesta enérxica contra do esceso de celo de quen teuimou ollar no discurso, o que ningún radiouvinte de Galiza viu, aínda escoitándoo muitos cuia patente de republicanismo está por riba de comadreos e anécdotas politiqueiras".

O afervoado autonomismo de Rajoy Leloup
A revista A Nosa Terra dá conta nunha crónica, datada a finais de 1933, da asemblea "que tivo lugar no paraninfo da Universidade con representacións oficiais e partidos políticos pra decidir a data en que se ten que plebiscitar o estatuto aprobado pola Asemblea de Concellos". O acto concluíu cunhas afervoadas palabras do secretario do Comité, o señor Rajoy Leloup, quen "deu ante o micrófono da Unión Radio unha documentada e sentida conferencia chamando a todol-os galegos ao cumplimento do deber i escitando o sentimento dos cidadáns pra salvar a Galicia do aitual estado de preterición en que se atopa".

Xa en plena campaña estatutaria, no mes de maio e nos primeiros días de xuño, a mesma publicación anuncia mitins galeguistas a prol da autonomía nas principais poboacións galegas coa presencia case sempre dos micrófonos das "emisoras locais". Nas derradeiras semanas sobre todo a actividade vólvese especialmente intensa, case frenética: Polas emisoras de Radio de Galicia -A Cruña, Lugo, Ourense, Santiago, Vigo e Pontevedra- están dándose a cotío conferencias e charlas encol de moitos aspectos do Estatuto.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: