Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PROXECTO 'A MEMORIA DO MAR'

Catro mil olladas mariñeiras

O Museo do Mar, en Alcabre-Vigo, acolle a colección que se pode ver exposta, e tamén se pode consultar na web memoria.museodomar.com.

Redacción - 19:15 22/12/2008

O Museo do Mar de Galicia, en Alcabre-Vigo, acolleu a presentación dos resultados do proxecto A Memoria do Mar, desenvolvido durante meses polo propio museo en colaboración coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores. O obxectivo, folgadamente cumprido, era reunir unha gran base de datos coas fotografías persoais de centos de mariñeiros e das súas familias, espalladas por todo o litoral galego. Ao cabo, recolléronse máis de catro mil imaxes procedentes de máis de 200 persoas en 25 localidades da costa.

A exposición abriuse este luns ao público no Museo do Mar, e permanecerá alí até o 1 de febreiro, cando comezará un percorrido polas vilas e cidades do país. Componse dun total de 41 imaxes de 20x25 divididas e tres bloques temáticos: Cos pés no mar, Do areal ao peirao e O Mar Mirado. O proxecto abrangue tamén a posta en marcha dunha web na que xa se poden consultar máis de catro mil fotografías.

Finalmente, unha terceira dimensión do traballo corresponde ao libro O futuro era inmenso. Memoria e fotografías dun tempo en Terranova. É un volume editado polo Museo do Mar, froito do descobrimento, durante a realización do traballo, do material fotográfico de José Rodríguez, tomado durante as suas mareas, durante os anos cincoenta, nos Grandes Bancos de Terranova.

O Centro Arqueolóxico do Areal, aberto ao público en xaneiro
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias, e o director do Museo do Mar, Pablo Carrera, visitaron este luns o Centro Arqueolóxico do Areal, que alberga unha salina romana datada nos séculos I e III, e anunciaron a apertura ao público do complexo para xaneiro de 2009.

Este xacemento constitúe un exemplar único, primeiro por tratarse dunha das salinas de evaporación solar máis antigas que se conservan da época romana, e segundo polo seu emprazamento e posta en valor excepcional, dentro dun edificio destinado a servizos sanitarios. O xacemento saíu á luz durante as obras de construción do Centro de Saúde da rúa Rosalía de Castro, en 1998. Debido ao seu elevado valor patrimonial, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural decidiu conservar "in situ" os restos, modificar o proxecto construtivo do ambulatorio, e poñer en valor as salinas, creando un centro de interpretación no soto do propio edificio onde se sitúa o centro de saúde.

Este centro arqueolóxico permitirá aos visitantes facer un percorrido pola salina, dotada con recursos didácticos que explican o proceso de obtención do sal a comezos da nosa era. A sala conta ademais con material expositivo que afonda noutros sistemas para conseguir este condimento e os usos que se lle daban os romanos na súa vida cotiá: salgadura, salsas, e incluso unha parte do soldo. A superficie do xacemento ocupa 300m2, cunhas dimensións de 28 metros de ancho e 11 de alto, e está distribuído en 3 chanzos. Neste espazo, dividido en varias cubetas, pódense distinguir as distintas partes dunha salina: os depósitos, cavidades profundas onde se acumulaba a auga do mar; zonas de evaporación, de menor altura para que a auga puidera quentarse; e as parcelas destinadas á cristalización do sal.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Mutua de enviuvamento (1949)
Mutua de enviuvamento (1949)
Retrato do 'Tío Mardomingos'
Retrato do 'Tío Mardomingos'
Rapaces mariscando, con carro
Rapaces mariscando, con carro
En Terranova
En Terranova
Atuneiro, na década dos 50
Atuneiro, na década dos 50