A dirección da empresa aseguroulle aos traballadores que a reestruturación non afectará ás plantas galegas de San Cibrao e da Coruña.
A decisión do grupo estadounidense produtor de aluminio, Alcoa, de recortar nun 13% o seu cadro de persoal en todo o mundo non afectará ás plantas galegas. Así llo confirmou a dirección ao presidente do comité de empresa, Xosé Paleo (CIG), quen, á súa vez, lle trasladou a preocupación dos traballadores logo das últimas informacións. Segundo fontes directivas, este axuste non afecta as plantas de aluminio primario, como son as galegas, senón nas que se adican á produción final: "de momento serán as plantas de Sabiñánigo ou Amorebieta as que se verán máis afectadas no Estado Español", di Paleo, quen xa adiantou que os traballadores galegos estarán á disposición dos afectados para sumarse ás iniciativas que organicen na defensa do seu posto de traballo.
No caso das factorías galegas, de momento segue en pé o programa de axuste de produción, como consecuencia da actual conxuntura económica. No caso da Coruña, por exemplo, acordouse paralizar o traballo de varias cubas electrolíticas (13 entre esta planta e a de Avilés), unha vez finalizado o seu proceso vital. "O habitual sería revestilas e volver a poñelas en funcionamento, mais decidiuse deixalas paradas mentres non melloren as expectativas".
A precaución segue a ser a tónica dominante nas plantas de San Cibrao e da Coruña, onde se agardan os acontecementos. As explicacións da dirección de Alcoa calmaron os ánimos, mais Paleo asegura que os traballadores "estamos preparados para defender os nosos postos de traballo se fose necesario".