Acusábano de orquestrar o asasinato, a tortura e a deportación da minoría albanesa no territorio durante 1999.
Os acusados. Milutinović, segundo da primeira fila / Foto: Axencia FP
O Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia absolveu esta quinta feira o ex presidente de Serbia Milan Milutinovic dos cargos asasinato, tortura e deportación orquestrada contra a minoría albanesa en Kosovo durante 1999.
Durante o xuízo, a fiscalía asegurou que Milutinovic e outros cinco acusados participaron nunha "empresa criminal conxunta co propósito de, entre outras cousas, modificar a composición étnica de Kosovo co fin de garantir a continuidade do control serbio sobre o territorio".
O tribunal da ONU estimou que o ex presidente non tiña control sobre o Exército daquelas. Cinco antigos oficiais foron declarados culpábeis dalgunha ou de todas as acusacións e condenados a penas de entre 15 e 22 anos de cárcere.
Entes son o ex viceprimeiro ministro iugoslavo Nikola Sainovic, o ex xefe do Estado Maior do Exército iugoslavo Dragoljub Ojdanic, os xenerais do Exército iugoslavo Nebojsa Pavkovic e Vladimir Lazarevic e o xeneral da Policía serbia Sreten Lukic.