Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Advertencia de AI no día internacional da muller

As mulleres e as nenas seguen a sufrir a violencia machista en Afganistán

Oito anos despois da intervención dos EUA, as activistas dos dereitos humanos son perseguidas e reciben ameazas de morte diariamente.

Redacción - 14:00 12/03/2009

Dende a intervención encabezada polos EUA en 2001, en Afganistán, producíronse avances nos dereitos das mulleres deste país, como a creación dun Ministerio de Asuntos da Muller; a elaboración dunha nova Constitución que lles outorga a mesma condición xurídica que os homes; a mellora no acceso á educación; e mesmo chegaron a ter representación no Parlamento.

Mais, segundo denuncia a organización Amnistía Internacional (AI), as mulleres e nenas afgás seguen sufrindo a violencia machista "no ámbito familiar e social", sendo vítimas de secuestros e violacións, a mans de individuos armados; de trata e matrimonios forzados e precoces; e servindo de "moeda de cambio" en disputas e para saldar débedas.

Nestes tempos, segundo AI, só unhas poucas defensoras dos dereitos da muller se atreven a plantarlle cara ao sistema, denunciando os abusos dos caudillos militares locais; dirixindo refuxios; sensibilizando as nais e pais sobre os matrimonios forzados; proporcionando educación e servizos de planificación familiar... Un traballo no que teñen que enfrontarse, día a día, aos ataques de membros do goberno, dos talibáns ou das forzas antigobernamentais, e mesmo aos familiares das mulleres que defenden. Nesta loita, moitas destas activistas foron ameazadas, tentaron secuestralas ou sufriron agresións físicas na súa pel, ou mesmo viron como danaban a membros da súa familia. Algunhas mesmo foron atacadas con ácido, que as desfigurou completamente, outras moitas tiveron que fuxir do país, e unhas non poucas morreron por levantar a voz.

Co gallo do Día da Muller Traballadora, a ONG internacional quere denunciar a "falta de vontade política" para parar a discriminación das mulleres nos "sistemas de xustiza formal e informal" e pídenlle ao presidente de Afganistán, Hamid Karzai, que protexa ás defensoras dos dereitos humanos da persecución á que son sometidas no seu país.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: