Un estudo de Caixa Galicia analiza con perspectiva económica a riqueza paisaxística e forestal do patrimonio natural galego.
A vaga de lumes de 2006 afectou ao 4,6% da superficie forestal galega, é dicir, resultaron queimadas máis de 93 mil hectáreas. Agora, un estudo do Centro de Investigación Económica e Financeira de Caixa Galicia pon estes datos en cifras económicas e conclúe que as perdas daquela catástrofe sitúanse entre os 248 e os 336 millóns de euros. Desta cantidade, case 40 millóns corresponden a danos ambientais e o resto son económicos directos, é dicir, cuestións como a perda de masa forestal queimada, a emisións de CO2 ou os gastos de extinción entre outros.
Este balance, que foi elaborado polas investigadoras María Loureiro García e Melina Barrio Martínez, non inclúe as perdas por inundacións ou a contaminación fluvial ou marítima provocada por aqueles lumes. Asemade, tampouco ten en conta a desaparición de especies non inventariadas (como castañas ou setas), nin cuantifica economicamente a perda de biodiversidade. Isto fai pensar que dos datos completos poderiamos tirar unhas estatísticas económicas aínda máis catastróficas, mais permite unha primeira aproximación. Este é, de todos os xeitos, o primeiro estudo metodolóxico do impacto ambiental dun feito coma este que se fai en Galiza; non obstante, é unha metodoloxía empregada habitualmente noutros territorios, como por exemplo Estados Unidos.
Importancia da xestión
Doutra banda, neste mesmo informe, titulado "Valoración ambiental, cultural e paisaxística dos espazos rurais galegos", chámase a atención sobre a riqueza da paisaxe galega, cun 20% do seu territorio declarado Reserva da Biosfera, e fai fincapé na necesidade de activar políticas de xestión acordes co entorno e que favorezan un crecemento sostido e apoiado na preservación da zona.
Así, as autoras inciden en que a paisaxe é un dos mellores reclamos de atracción turística e poñen como exemplo que en decembro de 2006 o 41,8% das pernoctas turísticas do Estado Español se concentraron en Galiza. Ademais, conclúen que os visitantes estarían dispostos a pagar até 32 euros diarios extra por visitar lugares de interese preservados por un programa público que mellore os seus servizos ambientais. Así o demostran cunha enquisa realizada a turistas que se achegaron até a reserva da Ribeira Sacra.
Finalmente, o informe revela un certo grao de insatisfacción por parte dos habitantes de reservas naturais como a do Eo, Oscos e Terras de Burón, que perciben as medidas proteccionistas máis como afectados que como beneficiarios: "a gran maioría das persoas residentes na reserva non simpatizan coas pautas de protección de especies como o lobo ou a reforestación de bosques con especies autóctonas". Pola contra, subliña que estes sentimentos mudan na xente máis nova, que valoran máis positivamente este tipo de medidas.