A metade das patrulleiras son obsoletas, sofren avarías continuas e non son substituídas durante a súa reparación.
A entrada de droga a través do noso litoral é unha ameaza constante
O noso litoral conta cun total de seis embarcacións que manteñen a costa vixiada ante a posíbel entrada de cargamentos de droga polo mar: as súas bases están en Ribadeo, Muros, A Coruña, Vilagarcía, Marín e Vigo. Porén, a patrulleira que debería estar supervisando o tráfico mariño na costa de Lugo, Alcaraván II, leva parada dende hai xa catro meses. Foi retirada do servizo para unha reparación dos seus motores e, mentres, a zona carece absolutamente de vixilancia marítima. O mesmo aconteceu até este venres coa Costa da Morte, onde a patrulleira tamén estivo parada dende o pasado 30 de xaneiro por mor doutra avaría.
Aínda máis, nas pasadas semanas, foron avistadas unhas planeadoras sospeitosas nas proximidades de Ribadeo, o que obrigou a desprazar a patrulleira da Coruña á costa luguesa. O responsábel da CIG na Axencia Estatal de Administración Tributaria, Antón Lestón Mosquera, denuncia que naquela ocasión se puxo en risco a vida dos funcionarios de aduanas, xa que tiveron que percorrer a distancia que separa A Coruña de Ribadeo nunhas condicións meteorolóxicas moi adversas (ao coincidir cos peores días do temporal). Ademais, o litoral coruñés quedou sen ningún tipo de vixilancia, ao tempo que o operativo posto en marcha veu minguados os seus resultados ao non poder responder inmediatamente á chamada de alarma.
Permiso de Madrid e embarcacións obsoletas
A tardanza no amaño destas embarcacións débese, en parte, a unha cuestión de procedementos. Segundo nos explica Lestón Mosquera, calquera arranxo que supere o investimento de 1.500 euros debe de ser autorizado por Madrid, o que retarda considerabelmente calquera amaño, "sobre todo tendo en conta que nunha patrulleira deste tipo calquera peza que se avaríe ten un custe superior".
Doutra banda, a CIG denuncia a antigüidade dos barcos de Aduanas: "agás os de Vigo, A Coruña e Marín, as outras embarcacións están xa moi obsoletas". Tal é así, que as encargadas de velar pola costa de Vilagarcía e Muros contan xa con 24 anos, o que, segundo Lestón, imposibilita unha rápida e eficaz resposta ante calquera tipo de emerxencia. Ademais, este feito contribúe a que sufran problemas nos motores con relativa frecuencia o que, á súa vez, fai que que o litoral galego quede sen vixilancia tamén frecuentemente.