Italia e Suíza acordan redebuxar as súas fronteiras na cordilleira que os separa, logo de se acelerar o proceso de desxeo nos últimos cinco anos.
Imaxe de satélite
Os gobernos de Italia e Suíza decidiron revisar a súa liña fronteiriza despois de que o quecemento global do planeta acelerase nos últimos cinco anos o proceso de desxeo dos glaciares na cordilleira dos Alpes, segundo informa a prensa local.
Daniel Gutknecht, responsábel do goberno suízo na materia, declarou que "a fronteira se está a mover como consecuencia dun clima máis morno", entre outra razóns. Esta liña fixouse por última vez en 1861, cando Italia se converteu nun estado unificado.
O Cervino, afectado
As áreas afectadas inclúen o Monte Cervino (ou Matterhorn), un dos máis coñecidos da cordilleira. No entanto ningunha localidade se verá na obriga de mudar de país, xa que o linde discorre a unha altura de catro mil metros de altitude. A nova fronteira non se decidirá até finais de abril, cando o parlamento italiano aprobe unha lei que permita o cambio.
Luca Mercalli, recoñecido meteorólogo italiano, afirmou que o desxeo dos glaciares -constante, mais lento durante os últimos cen anos- "comezou a se acelerar dende o caloroso verán de 2003". "Por primeira vez, á altitude de catro mil metros a temperatura subiu dos 0ºC, e a morfoloxía das montañas principiou a mudar", dixo.