A organización política catalana pretende aglutinar, canda EA e Chunta Aragonesista, tamén Aralar.
Esquerra Republicana trasladou unha oferta formal ao Bloque Nacionalista Galego (BNG) para que se integre na coalición Europa dos Pobos, da que xa forman parte Eusko Alkartasuna e a Chunta Aragonesista e á que podería incorporarse Aralar, para concorrer xuntos ás eleccións europeas do próximo 7 de xuño, segundo informaron a Europa Press fontes de ERC.
Nos anteriores comicios europeos, o BNG concorreu en coalición con CiU e o PNV, os seus socios de Galeuscat, non obstante, estas tres formacións aínda non decidiron se repetirán a fórmula para as eleccións de xuño. Dende ERC mostran un absoluto respecto coa reflexión interna que se está a dar no BNG sobre a posibilidade de volver concorrer cos nacionalistas cataláns e vascos, pero optaron por lanzarlles un convite formal para incorporarse, se o consideran oportuno, á Europa dos Pobos.
O BNG aínda non iniciou internamente o debate oficial sobre os comicios europeos, aínda que o próximo luns abrirá a discusión nunha reunión da Executiva en funcións.
Soberanistas de esquerdas
Os republicanos, que encabezan a coalición coa que lograron un eurodeputado nos comicios europeos de 2005, queren sumar o BNG para reforzar así a marca 'soberanista e de esquerdas' que queren presentar como alternativa progresista a unha posíbel coalición CiU-PNV.
Nas últimas semanas, ERC tivo tamén contactos con outras forzas políticas para intentar atraelas á súa candidatura europea. Así o fixo con Aralar, formación que pasou dun a catro escanos nas eleccións vascas do pasado 1 de marzo, e que podería formalizar a súa integración na Europa dos Pobos esta mesma fin de semana.Os independentistas cataláns tamén abriron contactos co Partido Socialista de Mallorca, Entesa per Mallorca, Els Verds-Conferederación Ecologista de Catalunya e Nova Canarias, unha escisión de Coalición Canaria.