A medida, adiantada por un alto funcionario ao xornal The Miami Herald, responde á nova política da Administración estadounidense.
EUA permitirá que os seus cidadáns viaxen á illa
O Goberno dos Estados Unidos de América anunciou este luns que levantará algunhas das restricións impostas aos seus cidadáns para viaxar e enviar paquetes ou diñeiro a Cuba, algo actualmente prohibido.
A medida, adiantada por un alto funcionario ao xornal The Miami Herald, responde á nova política da Administración estadounidense, adiantada polo seu presidente Barack Obama durante a campaña electoral. Estados Unidos mantén dende hai medio século o bloqueo económico da illa, tanto de xeito directo como a través de terceiros países.
"Este é un esforzo a prol do pobo cubano co fin de o apoiar no seu desexo de determinar o seu futuro libremente. O presidente dixo que este é o método máis directo de abrir os espazos necesarios para que se dea un cambio democrático en Cuba", afirmou o membro do Goberno.
O anuncio prodúcese a poucos días do inicio da quinta Cimeira das Américas, en Trinidad e Tobago, onde se agarda que a maioría dos líderes latinoamericanos sigan a exercer presión sobre Washington para que normalice as súas relacións coa Habana.