Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Entrevista con Gonzalo Meijide, arqueólogo

"Case todas as penínsulas da Mariña están ocupadas por castros ou asentamentos romanos"

Vieiros falou co arqueólogo do Servizo de Patrimonio Cultural da Delegación de Cultura en Lugo, que visitou o xacemento castrexo de San Cibrao.

A. Rodríguez - 08:00 05/05/2009
Cando se fixeron as primeiras catas na zona

Cando se fixeron as primeiras catas na zona

En xuño de 2007, a Delegación Provincial da Consellaría de Cultura e Deporte en Lugo ordenou a paralización cautelar das obras de escavación que unha empresa construtora estaba a desenvolver na Atalaia, na vila de San Cibrao (A Mariña).

A orde fundamentábase en que a construtora estaba a destruír un xacemento arqueolóxico coas súas pas escavadoras. Porén, e a pesar de lle chegar ao Concello a orde de paralización, as obras non cesaron até o mediodía do 8 de xuño, cando os veciños se puxeron diante dos camións que saían cos cascallos, a area e a maior parte das pedras e outros vestixios do xacemento castrexo, para depositalos nunha entulleira, no veciño concello de Xove. Como os veciños se arrepuxeron aos camións, e armaron balbordo, unha parella de policías municipais levou a orde de paralización das obras onda o construtor, e finalmente estas paráronse. Porén, xa fora destruída unha área duns mil metros cadrados, como recolle o informe do arqueólogo provincial, Gonzalo Meijide, con data do 18 de xuño de 2007, cuxos colaboradores tiveron que facer os labores da cata e as prospeccións, alén de no propio sitio, na entulleira na que foran deitados os anacos de castro.

Vieiros falou con Gonzalo Meijide para saber máis do que aconteceu con este xacemento da costa lucense, sobre o que está proxectada a construción de tres edificios de cen vivendas, en total. O primeiro deles xa se está a erguer nunha primeira parcela, e os outros dous están paralizados, agardando por unha solución de consenso que implicaría a tres Administracións: a local (Concello de Cervo), a galega (o Goberno, por medio da Consellaría de Cultura) e a estatal (o Ministerio de Medio Ambiente, por medio da Dirección Xeral de Costas).

"Había indicios do xacemento, pero non eran moi claros"
Meijide, arqueólogo do Servizo de Patrimonio Cultural da Delegación da Consellaría de Cultura en Lugo, coñece, de primeira man, a zona. Segundo lle contou a Vieiros, o lugar onde "estaría o castro ocuparía toda a antiga vila de San Cibrao, unha zona que foi urbanizada hai 20 ou 30 anos. Ao descubrir os restos dun cuncheiro, constatouse a existencia deste xacemento. Fixéronse unhas primeiras intervencións arqueolóxicas para conseguir datos, e despois paráronse as obras cando se soubo do que aí podía haber", lembrou, ao encetar a conversa. Seguiu recordando que foi daquela cando o promotor se viu obrigado a contratar un arqueólogo que dirixise as prospeccións, e que foi cando "apareceron restos interesantes de arquitectura castrexa".

Ao ser preguntado se en Lugo xa sabían da existencia deste xacemento, Meijide sinala "que había indicios", pero que "non eran tan claros". "Nun avance do PXOM mencionábase a aparición dalgúns materiais, mais hai que ter en conta que case todas as penínsulas da Mariña estaban ocupadas por castros ou asentamentos romanos". Neste sentido, lembrou que o procedemento que se segue cando aparece un achado deste tipo é inventarialo para incluílo no planeamento de ordenación municipal do concello (PXOM) no que se atopou. Até hai pouco, a Lei de Patrimonio incluía nos seus inventarios os achados que fosen declarados BIC, mais "tratábase dun proceso demasiado lento", polo que saíu unha nova normativa que permite inventariar os bens con máis celeridade, para incluílos no PXOM e, posteriormente, nos catálogos de protección da Xunta.

En canto á importancia do castro de San Cibrao, Meijide revela que apareceu "moitísima cerámica" na zona, "algunhas moedas romanas", pedras de muíño e "unha pequena machada con motivos". Todos os achados pertencen á época castrexa, galaico-romana e, ao cambio de era. Os bens atopados están a ser investigados. En canto aos petróglifos e á posíbel sauna castrexa que podería estar na contorna do castro, Meijide sinalou que ámbolos dous achados "non son claros", os gravados polo erosionados que están, e a sauna ou pedra formosa, polo alto dos seus muros e a morfoloxía, que sinalan que "pode ser calquera cousa medieval e mesmo posterior". "É preciso investigalo", subliña.

"A solución pasaría por unha colaboración entre a Xunta, o Concello e Costas"
Segundo contou Gonzalo Meijide, a península na que se sitúa a vila de San Cibrao "foi unha zona de longa ocupación, obxecto de moitas modificacións. Mesmo hai un poboamento medieval que afecta a metade do castro", revelou, ao tempo que recalcaba que a "zona escavada está no límite co núcleo urbano de San Cibrao", polo que están "pendentes dunha resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural" que ditará o que facer: seguir construíndo; ampliar a escavación e expropiar o terreo; ou integrar o edificio no proxecto arqueolóxico. "A solución pasaría por unha colaboración entre a Xunta, o Concello de Cervo e a Dirección Xeral de Costas, pero trátase dunha situación complexa".


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



En xuño de 1974 aparece unha construción na contorna, da que se di podería ser unha sauna castrexa. O diario 'El Progreso' recollía a noticia
En xuño de 1974 aparece unha construción na contorna, da que se di podería ser unha sauna castrexa. O diario 'El Progreso' recollía a noticia
Unha imaxe en detalle dos posíbeis petróglifos, debuxados como pequenas cazoletas no granito
Unha imaxe en detalle dos posíbeis petróglifos, debuxados como pequenas cazoletas no granito
Na Atalaia, a carón do Faro, sinalada cunha seta a zona na que se atopou o xacemento, e cunha estrela laranxa o edificio que nunca foi habitado
Na Atalaia, a carón do Faro, sinalada cunha seta a zona na que se atopou o xacemento, e cunha estrela laranxa o edificio que nunca foi habitado
A península, de novo, e marcados con tres círculos negros os deseños dos edificios que se proxectan construír
A península, de novo, e marcados con tres círculos negros os deseños dos edificios que se proxectan construír