O novo líder da formación frentista, Guillerme Vázquez, sinalou que "non era necesario" que Aymerich deixase o seu cargo no ar.
A nova Executiva do BNG ratificou esta segunda feira, após a fin de semana de congreso, a Carlos Aymerich como voceiro parlamentario da formación. "Agradecemos que puxese o seu cargo a disposición, pero era innecesario", afirmou o novo líder do Bloque, Guillerme Vázquez, nunha conferencia de prensa durante un descanso da primeira xuntanza da Executiva, na que os nacionalistas debullaron as súas liñas políticas polas que discorrerá a súa actuación.
Vázquez xa asegurara que "non vía lóxico" que Aymerich non continuase como voceiro parlamentario do Bloque, "porque as súas funcións serán as que lle asigne" a formación frentista. Ademais, tamén quedou confirmada Ana Pontón como vicevoceira na Cámara, e Francisco Jorquera como voceiro do BNG no Congreso español, segundo indicou Vázquez durante a súa intervención. Porén, o novo voceiro nacional do BNG asegurou que "non houbo tempo" para distribuír os postos da Executiva. "O gabinete ministerial do BNG" non está conformado, sinalou Vázquez para subliñar que é máis "urxente" as tarefas en clave política. "Podemos facelo hoxe ou mañá", recalcou.
Primeiros contactos co presidente galego
Vázquez tamén indicou que ten previsto deixar a Concellaría de Seguridade Cidadá en Pontevedra, canto antes, algo que constitúe un compromiso como candidato da lista impulsada pola UPG para liderar o Bloque.
Por outro lado, afirmou ter recibido unha chamada de parte do presidente da Xunta e do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, tras ser elixido líder da formación frentista. Porén, Guillerme Vázquez indicou que aínda "non conectaron", debido a que non coincidiron nos momentos en que trataron de comunicarse.
Os parabéns de Feijoo
Por outro lado, Feijoo desexoulle "boa sorte" a Vázquez, e ofreceulle a súa "man tendida" ao diálogo, tanto dende o seo do PPdeG como dende o Goberno. "É bo para Galiza que ou BNG teña un líder e supere a situación de crise política interna que está a vivir tras ás eleccións", afirmou Núñez Feijoo, destacando a vitoria "democrática" do candidato da UPG.